Mar é unha veciña de Redondela que perdeu ao seu pai en outubro do 2024.O pai de Mar chamábase Ramón e morreu nunha terrible agonía de máis de 5 horas de duración despois de que supostamente se lle negara, por parte dos facultativos que lle atenderon, tanto no último ingreso como nun ingreso anterior a realización dun TAC para determinar a causa real da súa dor. Mar entende que foi a idade que tiña o seu pai o único criterio que determinou que só recibira tratamento analxésico. Por outra parte manifesta que os dous informes que ten no seu poder non coinciden, e sostén que o segundo está presuntamente “tocado” coa intención de eludir as supostas responsabilidades do persoal que o atendeu. Esta é a súa historia:
Os feitos
Hai máis dun ano ingresa ao seu pai, Ramón, con fortes dores abdominais. El tiña 90 anos naquel momento. Danlle tratamento analxésico. Non lle saben responder á filla de onde ven a dor. Ela pide un TAC abdominal e néganllo dicindo que se tivera cancro coa idade que ten non pagaría a pena o tratamento. Pouco tempo despois mentres Mar estaba de viaxe a coidadora chámaa porque o seu pai ten unha dor moi aguda. Ela contacta por teléfono co médico de cabeceira e deciden administrarlle unha dose de fentanilo. Algúns días despois teñen que ir de novo a urxencias porque a dor increméntase notablemente. Vólvelle pedir o TAC ás 5:30 da mañá á médica que o atende. Néganllo. Ás 8 da mañá cambia a quenda a situación empeora moito, as dores vólvense insoportables, e o pai morre retorcéndose co sufrimento. Co seu pai xa morto lévano a facer o TAC, a xuízo de Mar para cubrirse as costas despois de terllo negado en varias ocasións cando estaba vivo.
Comunícanlle o falecemento do pai en palabras dos médicos que o atenderon mentres lle puñan o contraste. Unha vez morto o seu pai acode ao médico de cabeceira e pídelle o informe de urxencias do seu pai. Alí non di nada do TAC, só menciona o tratamento analxésico. Mar fala co defensor do paciente quen lle informa da elevada dificultade de pelexar contra un xigante como o SERGAS, especialmente ao non terlle feito a autopsia ao seu pai e xa que logo non dispor dun informe que, en base á autopsia, determinase as causas exactas da morte do pai de Mar.
O segundo informe
Nese momento fala cun avogado quen lle aconsella pedir o historial médico do seu pai e cando o recibe manifesta a súa sorpresa porque entende que cambia absolutamente todo. Nese segundo informe, segundo Mar, din que lle fixeron todo tipo de probas, incluído un TAC, e que cando ven que o pulso era moi baixo é o momento no que avisan á familia do inminente falecemento.
E non, di Mar: “ Fun eu a que pedín, case supliquei, que lle fixeran un TAC mentres o meu pai padecía unha dor terrible. El ingresou arredor das 5:30 da mañá e faleceu aproximadamente ás 10:30. Pasou unha agonía de cinco horas entre dores espantosas”.
Por que decidiu facelo público?
Despois de coñecer o caso dos cribados na sanidade pública andaluza Mar entende que na sanidade galega tamén se “ tocan” os informes e cre poder demostralo.
Manifesta con rotundidade que quere dar a coñecer o que o como e o cando: O 6 de outubro do 2024 entre as 5:30 e as 10:30 non lle fixeron ningún TAC e que esas 5 horas foron un absoluto inferno para o seu pai. Ela sospeita que o seu pai tiña cancro en avanzado estado e que non foi tratado adecuadamente. Entende que naquel primeiro ingreso no que lle negan o TAC co argumento de “ se ten cancro coa idade que ten…” está o xermolo do problema. Considera que se nese instante se lle tivera feito poderíase ter identificado a súa enfermidade e quen sabe se evitar a forma tan terrible na que morreu o seu pai, Ramón.
A sanidade pública galega está aforrando cartos omitindo probas caras como un TAC en pacientes que se consideran moi maiores e que xa cumpriron o seu ciclo vital?
Non se pode saber con certeza, e dicir que si ou dicir que non sería especular. Pero tendo en conta a mentalidade da dereita social e política para quen os cartos teñen prioridade sobre a vida, sobre a vida de outros desde logo, moito nos tememos que haxa arredor de 7291 razóns para non pensar ben
