A Mancomunidade do Val Miñor non contratou o estudo sobre a contaminación da Foz anunciado en maio do ano pasado polos alcaldes

Xavier Rodríguez candidato do BNG á alcaldía de Nigrán

O 23 de maio do 2022 os rexedores de Nigrán, Gondomar e Baiona, anunciaron publicamente que a Mancomunidade promovería e financiaría o estudo sobre a contaminación da Foz e o río Miñor.

Pola súa banda, o PPdeG rexeitou a emenda do BNG aos orzamentos da Xunta por importe de 75.000 euros para a redacción dun proxecto de rexeneración da Foz

Hai máis de sete meses, os alcaldes do Val Miñor quixeron fotografarse con membros da directiva da Confraría de Pescadores A Anunciada, para difundir a contratación dun estudo sobre o impacto da contaminación microbiolóxica no estuario da Foz do Miñor. Entón manifestaban o seu firme empeño en recuperar a zona. Tras máis de medio ano sen noticia ningunha ao respecto, o BNG dos concellos do Miñor, a través do seu representante na Xunta da Mancomunidade, Iago Pereira, preguntou sobre esta suposta contratación e o seu resultado, obtendo a resposta que xa imaxinabamos. Non houbo adxudicación ningunha e polo tanto non se realizou estudo ningún.

A este anuncio falso dos rexedores para o que incluso non dubidaron en utilizar a boa fe da confraría, súmase o rexeitamento no Parlamento Galego por parte do Partido Popular á emenda que introduciu o BNG nos orzamentos da Xunta para o ano 2023 por importe de 75.000 euros, para a realización dun estudo para a recuperación ecolóxica da Foz do Miñor que servira de base para a elaboración do Plan de Rexeneración, de cara á restauración da contorna, a eliminación da contaminación e a recuperación do banco marisqueiro.

En todo caso dende o BNG de Baiona, Nigrán e Gondomar queremos reiterar o noso compromiso ineludible co saneamento da Foz e do río Miñor e de sermos decisivos na Xunta da Mancomunidade do Val Miñor tras as próximas eleccións municipais, faremos realidade a contratación do estudo falsamente anunciado polos alcaldes socialistas do val.

Xavier Rodríguez Fernández

Responsábel local do BNG de Nigrán