O idioma galego está a morrer

Artigo de opinión A Nova Peneira
Tino Lago director a Nova Peneira
Tino Lago director a Nova Peneira

“Se aínda somos galegos é por obra e graza do idioma”

Castelao

Cando algún ou algunha profesional da medicina, despois de diagnosticar o estado de saúde dalgunha persoa que presenta síntomas de enfermidade, descobre que o ou a paciente padece unha doenza que, de non aplicar tratamento con suma urxencia, vai conducir á morte inexorable da persoa diagnosticada, de ningún modo se lle ocorrería non comunicar á persoa enferma, ou á súa familia, o estado da súa saúde, nin non aplicarlle de inmediato o tratamento necesario e suficiente para evitar a súa morte, para non xerar “alarmismo” á persoa que padece a enfermidade, e aos seus seres queridos. Non actuar a tempo cando se detecta un mal de gravidade é unha actitude estúpida, irresponsable, e constitúe o camiño máis adecuado para a morte de quen padece o problema diagnosticado.

A finais do mes de decembro do ano pasado o INE( Instituto Nacional de Estatística) publicaba os datos de usos lingüísticos en Galicia, e da súa análise, fría e sen ningún tipo de paixón, só se pode concluír o título deste artigo: O idioma galego está a morrer. Vaiamos con eles:

-1)Por primeira vez na historia o castelán é a lingua máis empregada no noso país en todos os ámbitos posibles:

-No eido laboral empregan o idioma castelán un 37,89% de persoas, fronte ao 24,33% que usan o idioma galego.

-Nó ámbito das relacións sociais a lingua de Castela é empregada sempre por un 41,51% de galegos ,mentres que a lingua propia de Galicia é usada sempre por un 28,63% de habitantes do noso país.

-E incluso no eido familiar, onde o galego ten aguantado a secular presión diglósica á que é sometido polo idioma de Castela, xa non é a lingua de uso maioritario pois é usada sempre polo 34,79% da poboación, fronte ao 43,74% que utiliza sempre o idioma de Castela.

-2) Preto de un 30% de persoas , galegas, menores de 20 anos manifestan falar galego con dificultade ou directamente non saber falalo. Os resultados do nefasto decreto do plurilingüismo do PP semellan evidentes.

-3) Hai 231.000 mozos e mozas menores de 20 anos que se expresan en castelán , fronte aos 64.000 que o fan en galego. É dicir o número de rapaces e rapazas que falan castelán en Galicia multiplica por 4 ao número dos que o fan en galego. De novo os resultados do decreto do plurilingüismo saltan á vista

-4) O castelán xa é a lingua máis falada en Galicia por moi pouca diferenza, arredor de 25.000 persoas. Pero se peneiramos os datos por abanos de idade os resultados son estarrecedores. Así:


1ª LINGUA GALEGO1ª LINGUA CASTELÁN
Menores de 20 anos16,4 %59 %
De 20a 39 anos27,4 %43,4 %
De 40 a 59 anos34,5 %40 %
De 60 anos en diante57,2 %26,6 %

Se un 57% de persoas de 60 ou máis anos manifestan ter o galego como primeira lingua pero a porcentaxe descende nas mozas e mozos menores de 20 anos en máis de 40 puntos, resulta evidente que a cadea de transmisión xeracional do idioma está rota. E con esas porcentaxes de uso tan ridículas entre as persoas máis novas, o camiño á morte do idioma galego como lingua viva resulta inevitable. Só se se asume con naturalidade a gravidade da situación, e se transmite por parte da administración sinceramente a realidade dos feitos : Cun 16 por cento de mozos e mozas que teñen o galego como primeira lingua non vai ser posible escoitar falar galego en Galicia en dúas xeracións, e hai unha decisión política con urxencia de aplicar tratamento adecuado para tratar de reverter a situación, haberá algunha esperanza de mudar unha realidade que, por duro que sexa dicilo, é moi clara: O idioma galego está a morrer. E non, non é alarmismo. É realismo.