O 22 de decembro volven as motos a levar a ilusión ao Cunqueiro

22 de decembro Cunqueiro

Desde hai 3 anos por iniciativa da veciña de Arbo Digna Domínguez, e grazas ao seu enorme esforzo persoal e ás toneladas de ilusión que pon , ducias de moteiras e moteiros achéganse os días de Nadal ao hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo e levan centos de xoguetes ás nenas e aos nenos que alí están ingresados. Este ano volverán repetir a súa bonita acción solidaria o 22 de decembro. Nós conversamos con Digna para coñecer como marcha a preparación do evento. Na parte final da reportaxe ofrecemos a listaxe dos locais colaboradores nos que as persoas interesadas poden acudir a doar os seus xoguetes( Teñen que ser novos)

Digna Domínguez.

Este ano agardamos superar as 200 motos que xuntamos no 2023”

Cando comezou a túa afección polas motos?

Desde pequerrecha. Sempre me encantaron as motos.

Cando e como nace esta fermosa iniciativa de levar xoguetes en moto aos nenos e ás nenas que están no hospital ?

Naceu de min. Eu teño familiares afectados por cancro infantil e polo tanto estou moi sensibilizada con este tema. Sei o que sofren os cativos e todo o que se poida facer para mitigar o seu sufrimento ben pouco me parece.

Cando comezaches?

Xa hai tempo que tiña gañas de facer algo ao respecto. E hai tres anos comenteille a idea a Irene, a secretaria do Cunqueiro,e pareceulle moi ben.

Entón este Nadal será a terceira vez que fagades a visita?

Si,este 2024 será a nosa terceira visita. Iremos o 22 de decembro. Xa o fixemos no 2022 e no 2023.

Es ti quen organiza todo?

Digamos que son a que levo o peso.

Como valoras o resultado dos dous anos anteriores?

O primeiro ano foi economicamente moi complicado. Case me arruíno dos gastos que me supuxo organizalo. Tamén teño que dicir que houbo particulares e tendas de xoguetes, como o antigo Don Dino, que se portaron de marabilla con nós.

Pero, con independencia das dificultades económicas, que resultado acadou a túa iniciativa tanto nos nenos e nas nenas como nas nais e nos pais?

Impresionante, tanto na primeira como na segunda edición a valoración non pode ser mellor. Tanto é así que o número de motos da segunda edición foi unha barbaridade

Cantas motos mobilizastes no 2023?

Máis de 200.

E este ano que expectativas tes?

Se ese día non chove estou convencida de que imos ser máis motos có ano pasado.

De onde parte a comitiva?

De moitos sitios diferentes. Cada moteiro parte do seu lugar de orixe, logo quedamos no Cunqueiro. Entramos pola porta principal.

Cantos xoguetes contades repartir esta edición?

Moitos, pero non che podo dicir a cantidade. Agora mesmo debo levar empaquetados arredor de 500( falamos o 12 de novembro), e aínda faltan as doazóns.

Que abano de idades cubrides e cantos nenos e nenas podes visitar?

O ano pasado había 85 nenos e nenas ingresados. E nós visitamos desde bebés ata os 16 anos.

O s xoguetes como os conseguides?

Algúns mércoos eu por conta propia, logo tamén os consigo por TikTok Das doazóns de persoas e empresas solidarias. Teñen que ser novos, porque é imperativo que para persoas enfermas sexa estériles. E pódense entregar na listaxe de sitios que che enviei.-Vai ao final da entrevista-