
A dignidade humana maniféstase en dúas formas diferentes: A dignidade innata e a dignidade resultante do noso comportamento no período de tempo que cada persoa teña a oportunidade de vivir.
A dignidade innata é propia de todas as persoas sen excepción, que só polo feito de termos nacido debemos de gozar dos dereitos humanos básicos: O dereito á vida, o dereito á educación, o dereito á sanidade, o dereito á nosa propia identidade,o dereito á igualdade de xénero, o dereito á vivenda, o dereito ao traballo remunerado de maneira xusta, o dereito á liberdade persoal, o dereito á privacidade, o dereito á liberdade de expresión, o dereito á tutela xudicial efectiva, o dereito á seguridade, o dereito a unha vellez confortable e o dereito a unha morte digna.
A dignidade que xorde do noso comportamento non a teñen todos os seres humanos. Só a posúen aqueles que se comportan de maneira xusta cos seus semellantes.
Non é necesario ser un santo, nin un heroe que se rexe sempre por sólidos principios morais. De feito é case imposible que o noso comportamento moral ou as nosas interaccións sociais teñan sido sempre correctas. Todas as persoas temos contradicións, luces e sombras e non creo que exista ningún adulto que poida dicir que ao longo da súa vida amosara un comportamento moral impoluto sempre, e unha acción social impecable en todos os momentos sen excepción.
O que si é necesario para ser unha persoa digna é algo moi básico e doado, que si se dá na maioría das persoas, pero tamén cualidades un pouco máis complexas que xa non é tan fácil atopar. É necesario non agredir a ninguén e tratar con respecto a todos os seres humanos que se crucen no camiño das nosas vidas, algo que facemos a maioría das persoas. Non todos, hai quen como o presidente arxentino define como escoura, ás persoas que non pensamos como el, ou hai quen como o presidente israelí carecen de escrúpulos en mandar asasinar nenos e nenas para acadar os seus obxectivos. Pero ben,agás ese tipo de anormais, creo que se pode dicir que a maioría das persoas son decentes, pacíficas e só queren vivir en paz a carón dos seus. Sería entón a maioría da humanidade persoas de comportamento digno? Na miña opinión si, pero..
Si en contextos de paz, tranquilidade e xustiza social maioritaria, pero non exactamente en contextos como este. Cando as gadoupas do fascismo petan de novo con forza na porta de entrada das nosa vidas non abonda con mirar a outro lado. É necesario como cantaba Gabriel Celaya “Tomar partido, tomar partido ata mancharse”.
É necesario tomar partido como tomou o escritor David Ucles e mandar á merda a un impresentable como Pérez Reverte que organiza unhas xornadas sobre a guerra civil chamadas “ La guerra que perdimos todos”.Dá igual que o título do simposio leve interrogación ou que non o leve. Dicir que a guerra a perdemos todos é unha abominable falsidade moral pois suporía que entre un asasinado como por exemplo Alexandre Bóveda e un asasino como Queipo de Llano, existiría unha especie de simetría e que un determinado contexto histórico lles levou a enfrontarse abrindo unha ferida que cómpre pechar. Vaia forma tan vergonzosa de branquear o fascismo.
É necesario tomar partido como por exemplo tomaron varias ducias de católicos de Asturies que lle din ao miserable arcebispo de Oviedo, aquel que di que non todas as persoas cabemos,” Señor arcebispo deixe de avergonzar á nosa Igrexa”.
Nos momentos nos que a desgraza de outros aparece nas nosas vidas podemos aplaudir aos responsables do sufrimento alleo, podemos mirar a outro lado ou podemos comprometernos tomando partido en favor dos que sofren abusos e inxustizas. Esas persoas que erguen á súa voz en prol dos que sofren, e contra os canallas responsables do sufrimento de outros, son en verdade as únicas persoas total, absoluta e completamente dignas.
