Ponteareas terá un edificio municipal na Praza Maior

Praza Concello de Ponteareas

A rehabilitación da propiedade conta co apoio dos fondos europeos FEDER e permitirá ademais dinamizar o casco histórico

O goberno de Ponteareas do BNG e do PSOE adquirirá unha propiedade na praza Maior para dar novos servizos á cidadanía. Con esta compra increméntase o patrimonio municipal, estando ata agora completamente limitaos os espazos para ofrecer novos e mellores servizos á veciñanza ou ampliar os existentes.

A través dun procedemento administrativo que garantíu a transparencia, o Concello negociou coas distintas propiedades que reunían as características técnicas. Agora, o Concello mercará por 250.000€  unha propiedade de 341 metros cadrados que alberga unha edificación de 918 m2 divididos nunha planta baixa e dous andares.

Para esta nova adquisición, o goberno de Ponteareas xa ten solicitado ao Fondo Galego de Cooperación  da Xunta de Galicia un préstamo sen intereses a devolver en oito anos. Para a obra de restauración e posta en servizo á cidadanía dispón do apoio dos fondos europeos a través da estratexia “Ponteareas, hábitat saudable”. Concretamente os fondos de desenvolvemento rexional FEDER aportarán o 80%.

“O novo espazo ubicado no casco histórico será un lugar no que acoller distintos servizos e instalacións municipais, sempre enfocado a dar unha mellor atención á cidadanía e contribuirá na dinamización da contorna”, afirmou o alcalde de Ponteareas, Xosé Represas.

Pola súa banda, a concelleira de Vías e Obras Chus Garrote, adianta que esta iniciativa “súmase a outras nas que xa está traballando o goberno e que perseguen a dinamización,  rehabilitación e revitalización do casco vello”.

O alcalde engade que, dende fai tempo, esta parte da Vila vén amosando un contínuo deterioro habitacional, palpable no progresivo aumento de edificacións e vivendas en estado de abandono, así como un progresivo avellentamento e perda de residentes. Un fenómeno semellante ao de moitos cascos vellos doutras vilas e cidades galegas, e que ao mesmo tempo vén provocando a reacción das distintas administracións para a súa recuperación e revitalización. “A xestión económica do Concello realizada dende 2015 permítenos dar agora este paso para incrementar o patrimonio municipal”.

Previamente, e con esta finalidade, o goberno municipal realizou un proceso de consulta cidadá no que participaron representantes do tecido socioeconómico da Vila (Asociacións deportivas e culturais, comerciantes, hostaleiros, entidades sociais, colectivos vulnerables -mobilidade reducida, terceira idade…-), ademáis dunha consulta dixital. Tamén se contou coas aprotacións realizadas por representantes da administración local (Membros do goberno e voceiros dos grupos políticos con representación municipal, persoal técnico e traballadores municipais). Froito desa participación definíronse os usos do futuro edificio.