23 anos despois do seu inicio, a PLISAN empeza a querer ser unha realidade. Chega tarde e con débedas aínda sen aboar aos propietarios dos terreos onde asenta, pero é moi necesaria para o desenvolvemento industrial e loxístico da nosa Comarca e, sobre todo, de Salvaterra e As Neves; xa que supón un imprescindible polo de atracción económica e un espazo de oportunidades laborais. A pesar dos recentes avances, as noticias ofrecidas polos promotores e polos Concellos apuntan a dúas frontes diferentes que seguen a preocupar ao Bng:
Por unha banda, a estación intermodal de ferrocarril é unha infraestrutura imprescindible e diferenciadora para unha área Loxística como a nosa, que aínda vai tardar un par de anos en funcionar, e que debe ter a vocación de servir tanto para mercadorías como para as persoas. É o momento de insistir no que dende o BNG levamos anos solicitando; que esa infraestrutura actúe como un servizo de transporte para toda a nosa poboación, un medio eficiente, ecolóxico e seguro de transporte, que nos conecta coas áreas industrias viguesas, do Porriño e con Ourense e o AVE. Non aproveitar esta oportunidade é un erro estratéxico que non podemos permitirnos.
Por outra, a depuradora, instalada actualmente nos terreos da PLISAN, está prexudicando notablemente á xente de Fiolledo e Liñares con malos cheiros constantes que non responden aos estándares de calidade dunha instalación deste calibre, e que entorpece o desenvolvemento social destas parroquias, empobrecendo as expectativas de crecemento da súa área. Resulta imprescindible resolvelo xa. O diagnóstico que no seu día ofreceron os xestores da planta era que ao contar cun único tipo de residuos (os da conserveira Albo) non se conseguía a adecuada depuración e por esa causa se producía o desagradable cheiro ambiental. Temos aí unha gran oportunidade para resolver dous problemas: Acabar co cheiro e mellorar a situación ambiental do Xuliana eliminando a decantadora de Liñares nas Neves. Dende o BNG incidimos na necesidade dunha negociación dos Concellos cos promotores da PLISAN para que o saneamento de boa parte das Neves se leve a esas instalacións, substituír así a decantadora de Liñares de xeito eficiente e acabar cos cheiros da actual EDAR.