A Concellería de Medioambiente e a de Bo Goberno que dirixen Rosa Covelo e Roberto Mera anunciaron que se “inspeccionará e sancionará o incumprimento dos horarios e o depósito de residuos na venda ambulante”. Os dous edís sinalaron que “nos mercados e feiras dos sábados e días 14 de cada mes unha parte dos vendedores ambulantes non cumpren coas súas obrigas e deixan a vila nun estado deplorábel cheo de lixo, basicamente plásticos, que ademais co aire se dispersan por diferentes rúas e prazas”.
Rosa Covelo explica que “o feito de que ao remate do mercado haia un servizo municipal de limpeza non quere dicir que os ambulantes podan deixar os residuos tirados de calquera xeito, están obrigados a depositalos nos colectores ou en caixas debidamente atados”.
Ademais, os vendedores ambulantes deben ter completamente recollidas as súas instalacións e realizadas as labores de limpeza antes das 15:30, horario que en ocasións se está incumprindo por parte dalgúns vendedores.
Mera explica que o incumprimento da obriga de limpeza está tipificado como falta leve cunha sanción de até 100 euros e que, en caso de reiteración, podería considerarse grave e moi grave con perda da autorización de venda ambulante en Ponteareas. O concelleiro adiantou que nestes días se está a distribuir unha circular entre todos os vendedores ambulantes lembrándolles as súas obrigas e advertíndoos de que se farán inspeccións para rematar co problema.
Covelo e Mera piden ademais a colaboración cidadá, que os consumidores e compradores non tiren os envoltorios ou embalaxes das súas compras no mercado e que informen ao Concello de calquera incumprimento das obrigas dos vendedores.