Ponteareas pon en valor a figura de Florencio Delgado Gurriarán cunha acción participativa aberta a toda a veciñanza

Florencio Delgado

A través da iniciativa ‘Florencio na túa voz’, o Concello anima a toda a veciñanza a enviar un vídeo coa lectura dun poema ou algunha frase sobre a súa figura co gallo do Día das Letras Galegas

Ponteareas, 29 de abril de 2022

O Día das Letras Galegas está dedicado este ano ao poeta Florencio Delgado Gurriarán, unha figura que o Concello de Ponteareas quere poñer tamén en valor coa iniciativa ‘Florencio na túa voz’, unha acción participativa a través da que convida a toda a veciñanza a participar a través dun vídeo coa lectura dun poema ou con algunha frase sobre a súa figura para, a través das redes sociais, difundir a obra do homenaxeado.

O proxecto está aberto a todo o público, que poderá participar de forma individual ou colectiva, cunha gravación en vídeo da lectura de versos, poemas ou frases dedicadas a Florencio Delgado que serán difundidas a través das redes sociais do Concello de Ponteareas.

As persoas que lle queiran dar voz ao escritor terán ata o 16 de maio para enviar o vídeo ao enderezo electrónico auditoriomunicipal@ponteareas.gal, acompañado dos datos persoais e da autorización.

A publicación deste vídeos farase ao longo do mes de maio na entrada da actividade #florencionatúavoz no Facebook de Cultura e Turismo do Concello de Ponteareas e na páxina de Instagram @visitponteareas, así como naquelas outras redes sociais municipais que se consideren. As bases completas poden consultarse na sección de Cultura da páxina web do Concello.

O concelleiro de Cultura e Lingua, Fernando Groba, anima a toda veciñanza a participar nesta iniciativa “que quere darlle voz á figura homenaxeada co gallo do Día das Letras Galegas a través de diferentes vídeos nos que ponteareás e ponteareáns comparten protagonismo co escritor e que foi moi ben acollida en edicións anteriores”.