Finalmente, despexouse a incógnita e o presidente Feijoo convocou anticipadamente as eleccións no noso país para o vindeiro 5 de abril, en coincidencia coas que se celebrarán en Euskadi. As motivacións do adianto, semellan claras, por encima dos eufemismos emocionais aos que nos ten afeitos o presidente da Xunta, parece que a consolidación do goberno de coalición no estado, o fracaso da estratexia bélica do seu partido en Madrid, a modo alumno da ultradereita, e as primeiras, e moi tímidas, medidas en beneficio do ben común do goberno de Madrid poden xerar, de feito o desexable sería que así fose, un clima de tranquilidade e acougo que evidencie que os recursos ás porras, ao código penal e ás ilegalizacións coas que a dereita aspira a solucionar os conflitos, son manifestamente estúpidos e semente de problemas aínda máis graves cós que se pretenden evitar. A paz social e o ben común é o peor que lle pode acontecer á dereita cando goberna á esquerda, xa que eles precisan da crispación permanente; Venezuela, Eta, Catalunya, para poder transmitir a necesidade de que son necesarios, pois é de sentido común que é máis adecuado solucionar un problema falando que metendo no cárcere a quen non pensa como ti, ou que ás maiorías sociais prefiren ter máis coberturas públicas que menos, ou un salario digno que non telo, ou procurar a igualdade de xénero que non facelo, ou non discriminar a ninguén pola súa orientación sexual que si facelo, ou lembrar con respecto e consideración aos que foron asasinados pola barbarie fascista que arrincar de modo ignominioso e vil unha placa cos seus nomes como fixo o indecente alcalde de Madrid…. Se non houbese ningún fenómeno relevante que distorsione a percepción da realidade política, o paso dos meses , practicamente, imposibilitaría ao PPdG manter a maioría absoluta que gozan no momento presente. Por outra parte é máis ca evidente que a alternativa ao goberno do PP só pode saír dun tripartito entre o PSOE, o BNG e o resultado final en que se acabe concretando o chamado espazo ruturista. No momento de escribir este artigo aínda non está claro se unha soa candidatura que baixo a denominación Galicia en Común abranga a Podemos, Esquerda Unida, Anova e o sector anticapitalista escindido de Podemos, ou se estes dous últimos tratarán de formar unha candidatura pola súa conta. Sexa como sexa parece que serán Podemos con Antón Gómez Reino e Esquerda Unida con Eva Solla os que terán que competir por quen dos dous pon ao candidato ou candidata á Xunta. E das tres patas necesarias para construíren unha maioría alternativa ao Partido Popular, unha está ben, o partido socialista, malia que ao meu xuízo Gonzalo Caballero está a amosar un perfil excesivamente baixo, se cadra cun exceso de confianza perigoso no evidente efecto arrastre que signifique o goberno do presidente Pedro Sánchez, de momento semella que estable e consolidado. Outra está moi ben, o BNG é unha forza claramente ao alza cunha candidata dun nivel extraordinario e cunha base militante numerosa e implicada no seu proxecto político. E a última e definitiva pata está mal. A sensación de caos e conflito permanente que transmite, o mundo primeiro AGE, logo En Marea , logo Galicia en Común e non se sabe se algo máis, sen candidato a día de hoxe, 19 de febreiro, e sen definir a fórmula nin a denominación coa que se van presentar, é tan elevada que sen dúbida van recibir un forte castigo electoral. isto sábeo o PP e convoca as eleccións xa, coa intención de que sexa canto máis mellor e dificultar por aí que a suma dos tres grupos de esquerda chegue para conseguir os ansiados 38 escanos que lles darían a posibilidade de evitar unha nova maioría popular. O resultado vai estar moi axustado, case me atrevo a prognosticar que será 38/37 ou 37/38 sendo uns poucos votos os que inclinen a balanza dun, ou doutro lado. E o noso desexo é , como non podía ser doutro modo, coincidente coa nosa liña editorial, Galicia é o noso país e A Nova Peneira aposta por quen defenda que o pobo galego é o único suxeito que pode , como calquera outro pobo do mundo, decidir o seu propio camiño e gobernar os seus propios recursos.
Artigos relacionados
Galicia está moi preto do cambio político e ningún voto progresista pode quedar na casa o 5A
13/03/2020
Redacción A Nova Peneira
Novas
Comentarios desactivados en Galicia está moi preto do cambio político e ningún voto progresista pode quedar na casa o 5A
O candidato de Galicia en Común-Anova Mareas, Antón Gómez-Reino, presentou hoxe unha coalición “impresincidible para o país e que foi a peor nova para Feijóo” […]
Pontón: “O mellor que lle pode pasar a este país é un goberno presidido polo BNG coas mans libres para defender Galiza”
19/02/2020
Redacción A Nova Peneira
Novas
Comentarios desactivados en Pontón: “O mellor que lle pode pasar a este país é un goberno presidido polo BNG coas mans libres para defender Galiza”
“Un cara a cara Feixóo-Pontón suscitaría moito interese”, alega, tras receitar modestia aos que pretenden adiantarse ao resultado das urnas […]
Pontón: “Imos poñer en marcha o cambio galego cunha presidenta do BNG coas mans libres para defender Galiza”
04/03/2020
Redacción A Nova Peneira
Novas
Comentarios desactivados en Pontón: “Imos poñer en marcha o cambio galego cunha presidenta do BNG coas mans libres para defender Galiza”
“Nin absolutismo nin sucursalismo, merecemos algo tan simple e tan revolucionario como que Galiza sexa gobernada desde Galiza”, proclama […]