GañaMós Asemblea Veciñal acorda a expulsión de Román González Garrido pola violación reiterada do Código Ético

Gaña Mos

En Mos a 24 de xullo de 2021

Con data do 24 de xuño de 2021, GañaMós Asemblea Veciñal celebrou unha asemblea extraordinaria ante a noticia aparecida na prensa local da dimisión do seu portavoz Román González Garrido e acorda aprobar a seguinte declaración:

GañaMós Asemblea Veciñal acorda a expulsión de Román González Garrido pola violación reiterada do Código Ético (CE en diante). Concretamente, no que supón a renuncia ao transfuguismo político e que implica a revogación do cargo e a expulsión de GañaMós Asemblea Veciñal (punto 2 do CE); por contradicir as votacións democráticas da Asemblea respecto a posturas fundamentais na política municipal (punto 3 do CE); polos pactos e acordos en segredo levados a cabo con organizacións alleas a GañaMós Asemblea Veciñal e o ocultamento da súa axenda política, mantendo en segredo reunións e pactos co grupo de “non adscritos” e outras organizacións sen representación política do Concello de Mos (punto 7 do CE).

Así mesmo, en cumprimento co Código Ético desta agrupación política, GañaMós Asemblea Veciñal acorda esixir a Román González Garrido a devolución da acta de concelleiro. No caso de non renunciar a acta no próximo pleno municipal do 28 de xuño, a GañaMós Asemblea Veciñal acorda declarar a Román González Garrido “tránsfuga” e insta a toda a corporación municipal ao cumprimento dos acordos acadados a nivel do Estado no Pacto Antitransfuguismo.

Por iso, GañaMós Asemblea Veciñal presenta no próximo pleno municipal unha moción en defensa da ética na práctica política vista a situación de irregularidade democrática visible nos reiterados episodios de transfuguismo no noso concello.