As memorias piden unha homenaxe ás vítimas en Meirás

Pazo de Meirás do pobo e a memoria
  • Na reunión co responsábel de Memoria Democrática do Goberno do Estado, Fernando Martínez, as memorias galegas mostraron o seu malestar pola decisión gobernamental de impedir a celebración da manifestación do 19 de xuño no interior de Meirás.
  • Os colectivos agrupados na Iniciativa Defende Meirás volveron reclamar do Goberno central e da Xunta de Galiza accións urxentes para a protección dos bens do Pazo contra a rapina dos Franco e solicitaron o compromiso de que Meirás se converta nun lugar de memoria.

A Coruña, 25 de xuño de 2021.

Na reunión da coordinadora da Iniciativa Galega pola Memoria (IGM) celebrada este xoves, o sentir maioritario das memorias do país agrupadas na IGM e na Iniciativa DEFENDE MEIRÁS, que coordina a campaña para reclamar a urxente protección dos bens do Pazo diante do intento dos Franco de continuar co espolio, é un fondo malestar coa actitude do Goberno central de impedir a celebración da marcha do 19 de xuño nos xardíns do Pazo. 

Por iso, na reunión celebrada esta mañá na Coruña co Secretario de Estado de Memoria Democrática, Fernando Martínez, as asociacións, despois de trasladar ese malestar ao representante do Goberno central, pediron a celebración dunha homenaxe ás vítimas no Pazo de Meirás, un acto de memoria de verdade no que os memorialistas entren por fin en Meirás con dignidade e o recoñecemento que merecen as vítimas. 

Tamén insistiron as asociacións na necesidade de que as diferentes administracións se comprometan en converter Meirás nun espazo dedicado á memoria.

Finalmente, DEFENDE MEIRÁS agradece a todas as entidades memorialistas, colectivos veciñais, sindicais e culturais e partidos políticos que apoiaron a mobilización do 19 de xuño que volveu topar fechadas as portas de Meirás a súa implicación e compromiso cos obxectivos da mobilización, que seguen presentes. E pide a estes mesmos colectivos e entidades que manteñan a mobilización diante do intento de diferentes actores de dividir e fragmentar a forza da protesta cidadá contra os Franco, a impunidade e as dúbidas das institucións do Estado para responder estas ameazas.