A piques dunhas novas eleccións municipais nós falamos co seu alcalde , o popular Alejandro Lorenzo, que como sempre nos atendeu con moita amabilidade. Velaí vai o que deu de si
“Teño a ilusión de acadar a maioría absoluta para continuar a ser o alcalde do meu pobo”
O primeiro que me chama a atención é que me cites para unha entrevista no teu despacho da alcaldía ás 17:30 h. Ti iso do do horario de oficina non o levas moi ben?
Eu son unha persoas moi traballadora que cando me comprometo con algo fágoo dando todo o que teño. Estou emocionalmente comprometido ao 100% cunha responsabilidade que para min é unha honra: ser o alcalde do meu pobo. E durante todo o tempo que me toque selo traballarei ao máximo, para facelo o mellor que poida e saiba.
Iso de traballar como un animal, dígoo por experiencia, adoita traer problemas na vida persoal
Ben, a miña parella ás veces cabréase comigo si. Pero é porque se preocupa
A valoración global deste ano e pouco que levas como alcalde cal é?
Pasoume voando. A verdade dedícolle tantas horas que ás veces paréceme que comecei onte. Pero a valoración é moi positiva porque creo que lle estamos dando solución a problemas que parecían impensables de solucionar.
Por exemplo?
A conta 413.Revisamos de oficio 5.600.000€ de facturación que había nesa conta. Foi un traballo enorme, pero que ninguén facía. Hai moitas empresas que van cobrar porque acreditaron ter prestado o servizo facturado, e telo facturado a prezos de mercado. Pero devolvemos máis de 1.000.000€ en facturas
Por que?
Porque non acreditaron ter realizado o servizo, ou telo facturado a prezo de mercado.
E os 4 millóns e pico que hai que pagar cando e como se van abonar?
Imos tramitar un procedemento de recoñecemento extraxudicial que levaremos a pleno,que será quen decida, agardo que no pleno ordinario do mes de febreiro.
Ben, antes falábasme de que estades a dar solucións a distintos problemas. Alén da conta 413?
Penso que tamén é importante a solicitude que lle fixemos ao Concello de Vigo dunha revisión de oficio sobre a cuestión da auga. É un tema moi relevante para nós pois Aqualia reclámanos máis de 4.000.000€. Eu entendo que as cantidades non son as correctas, pero non se trata só de rexeitar facturas senón de facelo de maneira rigorosa e argumentada e de tratar de chegar a un acordo co concello de Vigo.
E se non se pode?
Non quedará máis remedio que a vía xudicial. O que non entendo é que non se pare esta sangría. Interésannos a nós pero a Vigo tamén. Eu pedín cita varias veces no concello de Vigo e non ma deron.
Pouco despois de seres investido alcalde tiveches unha xuntanza coa delegada da Xunta na que se anunciaron grandes investimentos para O Porriño. En que quedou iso?
Hai investimentos importantes que vai facer a Xunta. Fixemos un plan director do que queda de saneamento no noso Concello. O que non pode ser é que o noso Concello que é, dos 4 do consorcio do Louro, o que máis cantidade económica achega, precise 14 millóns e medio de € en saneamento, mentres que Mos só necesita 1,5 millóns, Tui 2 e Salceda 7.
A Xunta vai achegar cartos para mellorar os viais de Porriño. Hai unha obra importante de máis dun millón de € para humanizas as rúas Buenos Aires e Progreso que abofé que as precisan con urxencia.
Cando prevés que esas dúas rúas estean arranxadas?
O prazo de execución das obras está en 5 meses. Agardo que se rematen na primeira metade de ano.
Sobre o proxecto da área de transporte en Torneiros cal é a túa posición?
O primeiro que teño que lamentar é que co noso goberno non se falou para nada. E un proxecto deste calibre non se pode facer sen consenso. Torneiros é unha zona residencial e facela alí afectaría a un volume moi elevado de veciños. Isto non quere dicir que non sexa un proxecto interesante. Pero a Zona Franca o que ten que facer é sentarse co concello e consensuar unha ubicación adecuada.
Algún día o Paso a Nivel pasará a historia?
Eu nunca me vou quitar unha foto no Paso a Nivel prometendo algo que non poida cumprir. Esta é unha obra que na actualidade pode ter un custe de entre 25 e 27 millóns de € e se ADIF, como ten falado, só pon o 65/ 70% o Concello tería que pór unha cantidade que non poderiamos asumir.
Eliminar o paso a nivel é imprescindible, dígoo con rotundidade. Pero ADIF ten que provisionar unha partida suficiente para poder afrontar a obra, e ten que facelo canto antes. No momento en que o faga terá o apoio total e absoluto deste alcalde e deste goberno.
Sobre a necesidade de descontaminar as zonas contaminadas por Lindano en que situación estamos?
A Xunta ten unha partida destinada á descontaminación de Torneiros e zonas limítrofes pero segundo os últimos estudos precísase moito máis diñeiro. Pedimos fondos estatais e europeos para poder afrontar a necesaria descontaminación.
Ti levaches uns orzamentos a pleno que non se aprobaron. Como é que non fuches capaz de conseguir 1 só voto, que faría que si che deran os números para aprobalos?
Esa situación indica con claridade que ningún dos que votaron en contra queren que eu sexa alcalde. Ter aprobado eses orzamentos posibilitaría que se fixeran moitas cousas no Porriño, pero semella que á oposición neste período previo ás eleccións municipais iso non lle interesa. O anterior goberno en ningún momento levou a pleno un orzamento. Nós en seis meses de goberno si o fixemos.
Distintos voceiros da oposición que teñen falado con nós manifestan que o teu goberno non ten un modelo de vila para O Porriño. Tedes un modelo de vila para O Porriño?
Si, claro que o teño. De feito estamos tratando de falar con feitos palpables así pois no momento presente estamos con máis de media ducia de proxectos de grande envergadura encamiñados a mellorar a vida das nosas veciñas e veciños.
Por exemplo?
-A humanización da rúa Pio XII facendo un gran parque que a unirá con Antonio Palacios
-Un gran parque de entre 500 e 700 mil€ no parque da feira onde está o cemiterio
-Intentaremos acadar unha subvención da DEPO que se perdeu para arranxar Antonio Palacios e Domingo Bueno
Por que se perdeu esa subvención?
Nós entendemos que por unha mala xestión do goberno anterior.
Evidentemente vas ser candidato do PP nas vindeiras eleccións municipais?
Si.
Xa pensaches nas persoas que che van acompañar na candidatura?
A verdade é que non tiven tempo aínda.
As expectativas para as próximas eleccións?
Eu teño a ilusión de acadar a maioría absoluta e de continuar a ser o alcalde do meu pobo.