As pistas municipais de tenis xa contan con vestiarios totalmente equipados

As pistas municipais de tenis xa contan con vestiarios totalmente equipados

A construción destas instalacións requeríu unha inversión de 48.389,49 euros, 40.000 dos cales foron aportados pola Xunta de Galicia e os restantes polo Concello

O Porriño, 12 de xullo de 2022

Os tenistas do Club Tenis Porriño e todos aqueles que fan uso das pistas municipais de tenis dispoñen xa de vestiarios totalmente equipados. Ata o de agora, os usuarios e usuarias destas instalacións carecían dun lugar apropiado para cambiarse e asearse tras a práctica deportiva e tiñan que desprazarse ao polideportivo municipal.

“Os vestiarios están xa están abertos e ambos contan con aseo adaptado independente, e tamén está en uso xa o almacén que se dispuxo nas mesmas instalacións”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo, que reiterou que “esta era unha obra tan reclamada polos usuarios como necesaria” e insistiu en que “o mantemento e acondicionamento das instalacións deportivas ocupa un lugar destacado na nosa axenda , non só para deportes maioritarios senón para todas as disciplinas”.

O rexedor, acompañado polo concelleiro de Deportes, Abel Estévez, o Secretario Xeral para ao Deporte da Xunta de Galicia, José Ramón Lete Lasa, o xefe provincial de Deportes, Daniel Benavides, e o presidente do Club Tenis Porriño, Agustín Doval, visitaron as novas instalacións. Para acometer estas obras, cuxo importe ascendeu a 48.389,49 euros, o Concello do Porriño asinou un convenio de cooperación coa Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, en virtude do cal, o ente autonómico aportou preto de 40.000 euros e o restante foi asumido polo Concello con fondos propios.