Principais atractivos turísticos de Pazos de Borbén

Parque eólico Pazos de Borbén A Nova Peneira

O Concello de Pazos de Borbén ten uns 50 km² de extensión e está dividido en oito parroquias que limitan cos concellos de Redondela, Fornelos de Montes, Soutomaior, Mondariz, Ponteareas e Mos.

As súas parroquias:

Amoedo: Situada na parte noroeste do Concello, linda cos municipios de Redondela e Soutomaior. Amoedo distribúese en catro barrios: Masusán, Carballiño, O Cabalo e A Igrexa. A súa poboación ronda os 528 habitantes.

Esta parroquia caracterízase por ser a zona máis industrializada do concello, ao contar co único parque industrial de Pazos de Borbén.

Borbén: Situase na parte Sueste do concello, limitando cos municipios de Ponteareas e Mondariz. Conta con 562 habitantes. Os seus barrios son: Cuartos de Borbén, O Mosteiro, O Pousiño e Sequeiros.

En Borbén celébrase a Romaría máis importante do Concello, a do Santo Aparecido, o último domingo de agosto. Celébrase esta romaría no parque e miradoiro do monte tamén chamado Santo Aparecido. Non faltan nesta festa a sardiñada e os grupos de gaiteiros e de danzas que acoden a esta cita imprescindible.

Podemos dicir que todo o seu monte é un gran piñeiral.

Cepeda: Distribúese en tres barrios: Alén, O Campiño e A Presa. Conta con 210 habitantes. É a parroquia máis pequena, en canto a vivendas, a maioría de recente construción, medrando polo tanto a aldea nos últimos anos.

O igual que Nespereira, atópase moi próxima ós núcleos de poboación de Redondela.

A Ermida: Atópase na parte Norte do concello limitando co municipio de Soutomaior, e encadrada entre as parroquias de Moscoso, Pazos e Amoedo. Conta con 119 habitantes.

Ermida é unha acolledora aldea situada na ladeira do monte denominado Coto do Corno. Foi antano un barrio de Sta. María de Pazos, segregada dende o S. XIX.

Moscoso: Atópase na parte Nordés do Municipio. Linda con Fornelos de Montes e Soutomaior, entre as parroquias de Ermida, Pazos, Calvos e Traspielas, as dúas últimas pertencentes ó concello de Fornelos de Montes. Conta con 470 habitantes.

Divídese en tres barrios, As Lombas, Gorgoreiro e A Fraga do Rei. Xusto no centro do pobo atópanse a Igrexa de San Paio, o Centro Cultural e Recreativo e a antiga Casa da Sociedade, onde antano se celebraban seráns cada semana.

Nesta parroquia atópanse tamén os restos dun foxo que se utilizaba antigamente para a caza dos lobos.

Esta construción estaba composta por dous muros de grandes dimensións que formaban unha uve converxendo nun punto onde existe un burato moi fondo no chan. Estes muros permitían conducir ó lobo ata dito burato, co obxectivo de deixalos sen posibilidades de fuxir.
A antigüidade desta construción non está determinada. O que si se sabe é que deixou de utilizarse aproximadamente a finais do século XIX
Malia que por desgracia a maioría das grandes pedras que formaban os seus muros foron “desaparecendo” cos anos, aínda hoxe se poden observar pequenos restos desta curiosa construción.

Nespereira: Limita cos concellos de Mos e Redondela, sendo a parroquia máis próxima a esta. Ocupa a parte Este de Pazos de Borbén e conta con 784 habitantes.

Os seus lugares son Alvite, Areeiro, Barcenal, O Galleiro, Outeiro, Torrente, Valado e Zoce.

Pazos: É a capital do Concello. Atópase na parte central deste, rodeado polas restantes parroquias, e dividido en dous barrios, Pazos e Muras, este último encadrado no val do río Borbén. Conta con 347 habitantes.

En Pazos atópanse o Colexio Público Curros Enriquez, o centro médico e a nova Casa do Concello, construída no ano 2001. Tamén podemos atopar aquí o Pavillón Municipal de Deportes.

Xunqueiras: Ocupa a parte Este do Concello. Encadrada entre as parroquias de Moscoso, Borbén, Traspielas de Fornelos de Montes e Festín de Mondariz. Xunqueiras distribúese nos lugares de Casqueiros, Cabo da Raña, A Chan e Eidos de Riba.

Xunqueiras é unha fermosa aldea situada nunha grande chaira, que se caracteriza pola tranquilidade e o contacto coa natureza dos que gozan os seus habitantes.

En Pazos de Borbén non hai exemplos de construcións monumentais, pero hai moitas pequenas construcións con encanto e conxuntos arquitectónicos interesantes que falan da espiritualidade, das tradicións e das formas de vida do mundo agrario tradicional. As construcións vencelladas ó aproveitamento das augas dos seus ríos están inzados de pontellas, muíños, canles e levadas, construcións de pedra cun estatus entre a arquitectura e a enxeñería popular. Trátase dun interesantísimo patrimonio etnográfico que lamentablemente pouco a pouco vaise perdendo ó tempo que se abandonan os usos agrarios tradicionais. Aquí podemos destacar o Muíño Novo e Muíño do Abade no Río Barragán, ou o Muíño da Fonte en Borbén. Os muíños son construcións que se utilizaban para moer o gran e facer fariña. Dada a importancia que tivo antigamente o pan na alimentación, os muíños constitúen un elemento moi presente nas parroquias galegas, pois a actividade do mundo rural xiraba en torno a eles.

En torno ós muíños sempre atopamos fermosos restos en pedra, vestixios dun rico patrimonio histórico vencellado á vida no rural: levadas para a auga, pasais e pontellas, fontes, e típicos camiños de carros enlousados, agora en desuso, con pedras asurcadas polas rodeiras dos carros.

Os veciños das aldeas repartían as horas de moer o gran por quendas. Nesta zona estes períodos de tempo que lle pertencían a cada veciño eran coñecidos como fridas.

Cando tocaba moer polas noites, acendíase unha pequena fogueira e cantábanse multitude de cantigas para pasar a noite mais entretida. Arredor dos muíños establecíanse pois importantes relacións sociais, ofrecendo a nosa cultura múltiples manifestacións relacionadas con eles. Hoxe en día estanse recuperando algúns destes muíños en Pazos para que os máis novos saiban como era un muíño en funcionamento.

As aldeas galegas están cheas de crenzas relixiosas e supersticións.En Pazos non podían faltar as relacionadas cos muíños que contan os máis vellos do lugar que se acontecía algo estraño no muíño, como que paraba de moer por momentos ou algo así, era porque a Santa Compaña roldaba por alí. O que facían era botarlle unhas brasas da fogueira na moega á vez que se rezaba un Noso Pai e o muíño seguía funcionando de contado.

Ao longo das parroquias deste concello tamén pode os atopar numerosas igrexas, adros, cemiterios, canastros ePetos de Ánimas.En canto ós Petos de Ánimas, destaca o da parroquia de Pazos. A súa construción fíxase no século XVIII. Está situado nunha encrucillada da parte central da parroquia. A devoción ás ánimas segue viva entre as xentes, que adoitan levarlles como ofrenda patacas e millo con formas raras.

As voces das pedras:

O gran número de restos arqueolóxicos atopados nas terras de Pazos de Borbén, son sen dúbida un dos grandes tesouros cos que conta este municipio. O asentamento de culturas prehistóricas é moi evidente, dada a multitude de gravados rupestres e castros atopados na súa área xeográfica.

Os primeiros xacementos arqueolóxicos atopados dan unha cronoloxía que vai dende o 3000 ó 1800 antes de Cristo, pero sen dúbida o marco cronolóxico que máis documentado está é a Idade de Bronce (1800 ó 600 a. d. C.). Nos séculos III e IV crese que Pazos de Borbén podería ser unha antiga poboación romana, coñecida como “Burbida”, pero hai desacordo entre os historiadores.

Gravados rupestres:

Atópanse en Pazos de Borbén multitude de gravados rupestres, importantes sinais de tempos antigos e testemuñas dunha historia da cal procedemos.

Antano, segundo a visión popular das xentes, coñecíanse como Pedras das Mouras ou Pedras das Cruces, considerándose mensaxes dun misterioso pobo desaparecido.

Atopamos en Amoedo, Borbén, Cepeda e Moscoso.

Sendeirismo:

Ademais das diferentes rutas alternativas que podemos tomar penetrándonos en diferentes camiños e sendas, podemos atopar as seguintes rutas de sendeirismo:

Senda da Fraga do Barragán: Pola estrada PO-252, Mondariz-Moscoso, atópase a parroquia de San Salvador de Xunqueiras. Desviarse no cruce que indica cara ao Torreiro. A 100 m atópase unha praza na que está o inicio do sendeiro.

Deseñado arredor de conca do río Barragán, o seu trazado discorre a diferentes alturas pero mantén o río como eixo central.

O curso do río Barragán, antes de desembocar no encoro de Eiras, caracterízase pola presencia, na zona máis profunda da conca, dunha mata de fraga autóctona con currunchos de gran beleza natural. Ademais, a abundancia de patrimonio etnográfico como os mencionados anteriormente muíños, pontes ou levadas que eran canles que conducían a auga ata os muíños, e históricos como os restos do asentamento coñecido como A Cidade, apórtanlle un interese turístico que farán deste sendeiro unha experiencia inesquecible.

O trazado do sendeiro é circular con diferentes accesos dende as estradas próximas que permite comezalo en diferentes puntos. Empezando no lugar denominado O Torreiro de Xunqueiras, descenderemos cara ao río por camiños forestais e polas levadas rehabilitadas. Cruzaremos o río para chegar a Freaza e comezar un tramo montañoso onde poderemos atopar reses bravas que pastan en liberdade. A senda regresa á conca do río que teremos que cruzar, con prudencial, polos pasos de Freaza para internarnos no sensacional tramo que dá nome ao sendeiro: a Fraga do río Barragán.

Un paseo sen igual que ten como colofón os restos do asentamento da Cidade. Despois súbese ata As Lombas e péchase o círculo regresando ao Torreiro no Cabo da Raña.

Como vedes un fermoso e concello do interior galego onde nos deixaremos de sorprendernos do seu encanto nun entorno rural cheo de belas paisaxes, de lendas e sendas, tradicións relixiosas ou festas populares das que temos que propoñernos gozar nalgún momento do nosa tempo de lecer para poder deleitarnos das súas paisaxes rurais e naturais.

Fonte. Web Concello de Pazos.