Alba Novoa portavoz da asociación de veciños zona centro de Vigo

Alba Novoa portavoz da asociación de veciños zona centro de Vigo

Un ano máis as veciñas e veciños do centro de Vigo amosan o seu parecer sobre o Nadal que o alcalde, que se nega e reunirse cos vigueses e viguesas que non pensan como el, xa converteu nun auténtico pesadelo para quen vive no centro de Vigo. O pasado día 1 a nosa cidade colapsou, vivimos unha situación de auténtico colapso circulatorio, e cando interpelan ao alcalde ao respecto responde con pallasadas impropias de alguén minimamente serio. Nós falamos con Alba, portavoz da asociación de veciños e veciñas da zona centro de Vigo.

“O alcalde de Vigo é un facha disfrazado de socialista”

Un ano máis falamos contigo dunha realidade que imaxino preferirías que non existise, e que polo tanto non houbera lugar a esta conversa?

Efectivamente. É tal cal o describes ti. Hai moitísimos temas interesantes dos que poderiamos conversar no futuro, pero falamos do mesmo pois nos vemos na obriga de seguir denunciando o abuso flagrante que o goberno municipal somete ás persoas que vivimos no centro de Vigo.

A situación non cambiou nada con relación ao ano pasado?

Moi pouco. Basicamente eliminaron a música de tres rúas( Rosalía, Areal e Colón).Tamén quitaron tres atraccións pero manteñen a noria que contribúe a facer de Vigo nestas semanas unha cidade colapsada e caótica. Quitando iso estamos igual. A veciñanza de Policarpo Sanz, A Porta do Sol e García Barbón teñen a música posta a un volume que oscila entre os 75 e 80 decibelios, moi por riba dos valores límites que establece a organización mundial da saúde.

Seguimos a ter problemas hixiénicos?

Si, moi importantes. A cidade, co volume de visitantes que recibe estas semanas , ten que mellorar os seus servizos de limpeza porque as imaxes que se poden apreciar, unha vez que se retiran as persoas das rúas, son vergonzosas: Hai moreas de lixo e excrecións fisiolóxicas por todas as esquinas.

Facemos esta entrevista o mércores 6. Supoño que es consciente de que o venres 1 o caos que sufriu Vigo foi estratosférico?

Eu considero que a cidade o venres 1 colapsou. Non me canso de advertilo: o risco de que poida acontecer unha traxedia é elevadísimo. Hai xente maior, enferma ,que pode experimentar unha situación de emerxencia e nun estado de colapso circulatorio, como o que viviu a nosa cidade, o pasado día 1 de decembro, é moi probable que non poida ser atendida coa rapidez suficiente para poder salvala. Estamos xogando con lume e quen xoga con lume ten un risco enorme de queimarse.

E xa non é só iso, é o día a día. Unha persoa que ven de someterse a unha sesión de quimioterapia non ten por que estás dúas horas atrapada nun atasco para poder chegar a súa casa. Non todo vale para obter supostos beneficios económicos: o dereito a unha vida en paz na túa propia casa, a dignidade persoal, o descanso, a mobilidade…son dereitos humanos básicos que non se poden violentar baixo ningún concepto.

Supoño que esta situación tamén incidirá na saúde mental?

E tanto que incide. Hai persoas condenadas a permanecer dentro das súas casas e lles supón problemas moi serios.

En Vigo hai un plan de emerxencias que ofreza respostas adecuadas a potenciais situacións de colapso?

O plan de emerxencias de Vigo é do 2007.Cada catro anos é obrigatorio renovalo .O da nosa cidade nunca se renovou desde ese ano. En Vigo permítese o acceso a calquera persoa ao aparcadoiro que está debaixo da Noria co que o colapso é inevitable. Por outra parte se non se planifican vías de evacuación exclusivas para os servizos de emerxencia pasa o que pasou o venres: caos que implica risco vital para a xente.

Entendo que este modelo de captación de turismo non é do teu agrado?

O turismo para a nosa cidade si, claro que si. Pero cando o modelo que se constrúe para a captación de turistas entra en colisión cos dereitos humanos básicos da veciñanza de Vigo é de sentido común que non é un modelo adecuado.

De momento só tivemos un día de caos?

Si, de momento si .Pero todo indica que a partires desta ponte e das vacacións escolares a situación que vivimos o pasado venres vaise repetir constantemente. Así aconteceu no Nadal do ano pasado e por desgraza parece que non damos aprendido.

Onte falei co presidente do comité de empresa de Vitrasa e díxome que pediron varias veces entrevistarse co alcalde e non lles fixo nin caso. Vós, creo que estades na mesma situación, verdade?

Exactamente igual, si. Vivimos nunha cidade na que no caso de que non lle rías as grazas do alcalde pasas a ser estigmatizado como “ anti Vigo”.E logo el sempre emprega a mesma escusa dicindo que non fala con colectivos politizados.

O voso é un colectivo politizado?

Non. Iso é unha calumnia e é vergonzoso que un alcalde se atreva a mentir desa maneira. No noso barrio vivimos persoas de todo tipo de adscrición ideolóxica e persoas ás que non lle importa o máis mínimo a política. Somos un colectivo plural cuxa arquitectura é un reflexo da disparidade do noso barrio.

Como vos financiades?

Cos nosos propios petos.

Tedes pedido xuntanzas co alcalde?

Si, moitas veces.

E?

Nunca se atreveu a sentarse con nós. Ignóraos e desprézanos. Antes falábasme de Vitrasa pois o desprezo e a actitude burlesca que amosou o alcalde ante persoas que só están defendendo os seus dereitos reflicte a súa verdadeira cara: un facha disfrazado de socialista. Non contesta nin aos escritos que metemos por rexistro

Algunha vez atendeuvos algún outro representante do Concello?

Non, nunca xamais.

Cando falamos o ano pasado estabades en trámites de constituír a asociación. Está xa constituída?

Si, comezamos en marzo cos trámites e desde xullo xa estamos constituídos.

Cal é o obxectivo da asociación?

Loitar por preservar os dereitos fundamentais dos asociados e asociadas. Somos unha asociación cun matiz claramente social.

Que áreas de Vigo abrangue a asociación?

O centro de Vigo. Podemos dicir que desde o mar ata máis menos os arredores da praza de España.

Como hai que facer para asociarse?

É moi fácil, só hai que cubrir un documento de asociación que nos poden solicitar por mail a: vecinoszonacentrovigo@gmail.com. E por unha pequena cota anual xa está.

A asociación nace con vocación de continuidade?

Si, radicalmente si. Nacemos porque non compartimos a pasividade ante os abusos e as inxustizas, e nacemos porque xa está ben de normalizar a pasividade.

Tedes colaboración con algún outro colectivo da cidade?

Si, hai un movemento que se chama “ Vigo somos todos” onde estamos varios colectivos. Aproveito a oportunidade das vosas páxina para facer un chamamento a incrementar o activismo veciñal. A mellor forma, a única forma diría eu, de combater con expectativas de éxito os abusos e as inxustizas é a forza da sociedade civil organizada. Cando somos capaces de entendelo e de pelexar en conxunto, con independencia do que pense cada quen, a sociedade civil é imparable.

Que aceptación encontrades na veciñanza de Vigo centro?

Moita e cada vez máis. Pero insisto no que che dixen antes: Apelo a incrementar o activismo veciñal. Non é xusto que os problemas os arranxen sempre os demais.

E de outros barrios de Vigo?

Espectacular, cada vez mellor.