

Recentemente a actriz e presentadora María Mera relataba nas súas redes sociais un feito acontecido nun servizo de urxencias dun hospital. Seica un médico lle contestou ante as súas queixas que “se non estás de a cordo disllo ao teu amigo Feijoo”.
Relata que despois de facerlle a triaxe en urxencias a derivaron ao “circuíto respiratorio”, unha sala con moitos cadeiras onde a xente esperaba a ser atendida e a algúns lles notificaban que eran positivos en covid.
Aplicáronlle o protocolo, tratárona como ao resto dos pacientes, e dubido moito que os profesionais dese centro hospitalario pretenderan colocala nunha situación onde se puxera en perigo a súa saúde. Podo entender o cabreo e o malestar de María, mais tamén o desanimo e a frustración dese profesional que lle contestou esa frase lapidaria.
Este tipo de situacións repítense moito nós últimos anos en hospitais e centros de saúde de toda Galiza. Nuns centros en mellores condicións e noutros peores, na maioría, por non dicir todos, cuns traballadores sanitarios e administrativos cansos de facer moitas horas en urxencias durante estes anos de pandemia. Uns traballadores que pasaron de heroes a viláns nun suspiro por culpa dunha xestión nefasta e dunha falla de medios humanos e materiais intencionada.
Imaxino como sería a discusión. Son testemuña case todos os días deste tipo de situacións onde persoas cabreadas pagan a súa frustración, algúns teñen un límite moi baixo de frustración, co persoal do mostrador do centro de saúde exixindo, berrando e insultando. Non son maioría os que desafogan cos que estamos na outra beira do mostrador, porén nestes tempos de pandemia estes feitos van en aumento, e máis estes días onde todos temos que facer un test de antíxenos ou unha PCR.
Os verdadeiros culpábeis
Os dirixentes do Sergas, da Xunta, están acadando o seu obxectivo de desacreditar e deteriorar a sanidade pública até extremos insospeitados. Están acadando que os traballadores do Sergas, fundamentalmente os que todos os días están tras dos mostradores, teñan que enfrontarse ao cabreo e o malestar de todas as persoas usuarias que acoden aos centros de saúde, servizos de urxencia e hospitais para ser atendidos das súas enfermidades.
A falta de médicos e pediatras nesta situación de pandemia, que misteriosamente desapareceron e non hai onde atopalos, está levando ao límite á atención primaria. As imaxes das colas diante dos centros de saúde non son propias dun país que se di “moderno e avanzado”. É evidente que non temos a mellor sanidade do mundo mundial por moito que o Sr. Feixoo presuma diso.
As medidas que toman para atallar a pandemia poden parecer erráticas, mais non o son. Teñen especialistas e científicos que os asesoran e saben, como sabemos todos se nós informamos un pouco, o que vai pasar coas sucesivas ondas. Non nós enganemos, este xeito de actuar non é casual, non é froito do descoñecemento, é claramente intencionado. O importante é a economía, salvar as contas de resultados das empresas a costa da nosa saúde. A ecuación está clara a menos sanidade pública máis sanidade privada, máis negocio a conta da nosa saúde.
Eu diralle a María Mera que falara co seu amigo Feijoo e lle fixera chegar as súas queixas e as queixas de todas as persoas que padecemos e sofremos todas estas situacións e queremos unha sanidade galega pública de calidade.
Marín, 31 de decembro de 2021
Asdo.: Pedro M. Cortegoso Gago