Cousas de Salvaterra. Proseguen os enfrontamentos na raia seca

Cousas de Salvaterra. Proseguen os enfrontamentos na raia seca.
Antón Lorenzo González Saque
Antón Lorenzo González “Xaque”

O relato que de seguido podedes ler, inda non ocorrendo directamente en Salvaterra, é preciso contalo por ver a situación xeral do que acontecía e que finalmente rematará coa toma da nosa vila en mans dos portugueses por espazo de dezaseis anos.

Nunha entrega anterior contaba o sucedido co feito do roubo do cáliz na igrexa de Padrenda. Proseguiron os enfrontamentos e nesta ocasión entraron os galegos en Portugal e queimaron a freguesía de Cristoval, no actual concello de Melgaço, comezaron tamén a por fogo na de Pazos pero foron rebatidos polos portugueses. Entraron oitocentos homes do exército galego ben armados, foi o vinte e oito de xullo de 1641. Na retagarda ían gran número de mulleres para cargar os despoxos que lograban. E na vangarda ían outro gran número de rapaces quen con alcatrán e vasos de barro cós que mollar bolas de farrapos pegaban fogo.

Como dixen, entraron na freguesía de Cristoval, que está na raia xunto o río Varceas, terra fértil, frutuosa e apracible. Ardeu todo de tal maneira que mesmo fixo fogo na igrexa. Entraron os galegos despois disto na freguesía de Pazos queimando a metade dela. Nisto chegaron Don Joao de Sousa e Francisco de Gouvea Ferraz cuns corenta homes, polos avisos que lles deron. Estes converteron a ousadía en medo, os galegos retiráronse con tanta presa e desorde que entre os mortos polos pelouros e os afogados no río ficaron máis de corenta mortos, non sen antes faceren danos considerables.

Non solo chegaron ás facendas, o que máis sentiron os portugueses foron os danos nas igrexas, así na de San Cristóbal nin as imaxes perdoaron, levaron a Nosa Señora a cal na fuxida despois houberon de deixar entre o millo. A outra imaxe acoitelárona, levaron un vaso onde estaba o Santísimo Sacramento. Levaron até os finos, (viño de Porto), e un grande que non puideron levar fixérono anacos.

Por este atrevemento quixo o Xeneral Don Gastao Coutinho amolar as armas dos galegos que até estes intres foran máis ben conservadoras no sentido de non seren ofensivas senón fosen provocados. As entradas que fixeran até o presente foran por orde da súa Maxestade, non dicía esta orde que se entrase a fogo e sangue de xeito xeneralizado. Segundo foi a provocación así se tomou a satisfacción.

En vista do sucedido ordenouse unha nova leva conducida a diferentes partes, dispondo que Vasco de Acevedo Coutinho entrase na Galiza pola Portela do Home e Manuel Sousa de Abreu polo Porto dos Cavaleiros e o sarxento maior Simón Pita Porto Carreiro pola de Ponte Barxas, todo elo na segunda feira, cinco de agosto de 1641.

Vasco de Acevedo entrou con cinco compañías, dúas polo alto da serra do Xeres e outra polo baixo. Na parte alta gobernaba Pero Araujo de Vasconcelos, capitán maior de Lanhoso, na parte baixa Luís da Silva de Meneses capitán maior de Regalados, na vangarda o capitán Gomes de Abreu con quince ou dezaseis nobres e aventureiros os cales atopándose cunha compañía paga dos galegos, arremetérona e mataron cinco soldados conseguindo a entrada naquel val queimando toda a freguesía que contaba con once aldeas, sen escrúpulos polo inimigo novato tamén nas armas.

No Porto de Cabaleiros xuntáronse tres mil homes cunhas mil duascentas bocas de fogo, a cargo de Manoel Sousa de Abreu. Na vangarda ían os capitáns Vasco Coutinho, Luís de Brito Freire, seguidos dos capitáns Cristobal Mausinho de Vasconcelos e Marín Teixeira Coello, despois deles Rodrigo de Moura Coutinho, Antonio Jacques de Paiva, Francisco de Acevedo Coutinho, Gaspar Casado Maciel, Joao de Sousa, Joao de Alpoem, seguidos de Mathias Ozorio e Francisco De Gouvea Ferraz na retagarda.

Todo este poder conduciu o Xeneral a Lamas de Mouro preto de Melgaço, onde o expediu o domingo catro de agosto de 1641 para o Porto dos Cavaleiros, abrazando e animando os capitáns na empresa. Logrouse a entrada na segunda feira día de Nossa Senhora, cinco do mes como xa se dixo.

Internándose na Galiza, recibiu o capitán aviso de estar os galegos agrupados con trescentos infantes e algunha cabalería. Mandou un grupo duns trescentos homes ás ordes de Antonio Gonçalves de Olivenza, acompañado de Valentín Brandão natural dos Arcos (por ser esta xente do seu distrito e él Sarxento Maior dela). Foron a desaloxar ao inimigo, pelexando con valor até facer que se retirase, inclusive mataron a dous de a cavalo. Estes cabaleiros acometeron a Valentim Brandão, el por fallarlle o disparo da pistola tomou a espada e matou a un, e coa axuda dun labrador, quen con un chuzo matou a outro.

O grupo desta incursión, despois de facer grandes perdas ao inimigo nos seus pans e gandos, non puido xuntarse co groso do exército e retirouse por onde viñeran, cargados de despoxos. Foron marchando por lugares baixos de monte áspero, lugares perigosos onde podían ser atacados e recibir dano. Mandou entón Manoel Sousa de Abreu separarse noutro grupo de douscentos homes, a cargo dos capitáns Rodrigo de Moura Coutinho, Antonio Iacques de Paiva e Francisco Soares de Castro da vila de Monçao, xefe da Cabalería, que tamén fixera moita perda nos campos do inimigo, por ser tempo de sega e estar enmedados os pans.

Xuntáronse posteriormente ó corpo principal do exército e marcharon sobre o chamado Monte Redondo dende onde se defendía un lugar grande e rico que por iso o tiña o inimigo ben fortificado e defendido por dúas compañías . Acometidos estes polas tropas mandadas por Don Vasco Coutinho, Luis de Brito e Chistovão Mauzinho, con gran valor e a pesar do inimigo defenderse con valentía, derrotáronos. Entrou primeiro o Sarxento maior de Viana, Antonio do Rego. Descenderon o lugar que foi saqueado e queimado.

Tendo os portugueses aviso que de novo se facían fortes os galegos no alto do Monte Redondo ocupándoo coa súa infantería, podendo ser de moito dano, foron de novo acometidos nunha porfiada pelexa na que todos loitaron bravamente. Foron obrigados a retirarse os galegos até o val que ficaba no lugar de Padrenda. Feito con orde e disciplina, mandados por excelentes oficiais, recompuxeron un escuadrón ben ordenado, fixeron alto e desafiaron os portugueses a seguir pelexando. Estes, desordenados inexpertos e faltos de disciplina militar, non aceitaron o desafío. Retiráronse desordenadamente fuxindo a Portugal, desamparando ós Capitáns briosos e honrados con gran sentimento deles, polo descrédito en que entendían ficaran as súas armas. Como di o refrán: “Si cesa a boa orde, cesa a boa fortuna.”

Na zona de Ponte Barxas o Sarxento maior Simão Pita, non cumpriu co seu grupo as ordes dadas polo Xeneral . O ver que os galegos estaban ben fortificados e con moita xente, por estar eles repartidos en catro grupos que os debilitaban e carecer dos socorros necesarios e verse así en gran inferioridade. A prudencia fixoo desistir.

Sexa como for os portugueses fixeron unha desordenada retirada deixando en risco a retagarda. Mandaron reforzos acompañados por Diogo de Melo Pereira, João Rodrígues Fontoura, Auditor Xeral, Marcos Malheiro Pereira e outros. Deuse aviso na raia que ficaran moitas municións no alto do monte en completo desamparo e niso veuse a grande confusión da retirada. Logo fóronas buscar Mathias Osorio, Marcos Malheiro e Gómez Correa.

O tal Gómez Correa aproveitou inda con oito soldados para queimar algunhas casas e medas de pan que ficaban atrás, padecendo os galegos perdas notaveis.

SUCESOS MILITARES DAS ARMAS PORTUGUESAES.

DR. JOÃO SALGADO DE ARAUJO, ABADE DE PERA.

LISBOA 1644

IGREXA DE SANTO CRISTÓBAL, MELGAÇO.