Transición

Artigo de opinión A Nova Peneira
Ángel Pérez, profesor de filosofía A Nova Peneira
Ángel Pérez, profesor de filosofía

Tras ver o documental Trans train tiven unha difícil conversa. Centrámonos na Lei trans española. Na realidade de que cada vez máis persoas, normalmente persoas novas, acoden a un servizo médico vencidos polo sufrimento que lles produce non posuír o corpo co que se identifican. E deciden iniciar unha transición. Someterse a un tratamento que lles dará a identidade que no momento de nacer, polo azar que fose, non se lles asignou. Trátase daquela dun asunto médico. Pero non dunha patoloxía.

É un asunto médico porque son os médicos os autorizados a usar hormonas e as técnicas cirúrxicas precisas para facer a reasignación de xénero e así acabar coa dor dese cidadá. Pero non é unha patoloxía, do mesmo xeito que non consideraríamos patolóxico acudir a un ximnasio para mellorar a nosa figura ou a unha clínica especializada para poñer fin a unha lacerante alopecia, mesmo se é da clase das andróxinas. Non é patolóxico, di a lei, porque non é unha enfermidade e non precisa dun diagnóstico médico.

Con todo, a distinción non está clara. Non o está porque non está fóra de toda dúbida que a demanda dun determinado aspecto físico non sexa unha patoloxía nin que non o sexa a dunha identidade sexual. Debido a que tocante ao sexo a distinción entre normal e patolóxico é difusa. Non é binaria, dise agora. É unha distinción condicionada como di o discurso feminista ao discurso de cada época sobre o sexo. Na actualidade xa non hai solteironas nin bruxas. Nin ser muller require ser nai, nin home levar cartos a casa. Nese sentido a realidade do sexo é un efecto do discurso, das normas, dos prexuízos e dos valores de cada momento. Un gran logro do pensamento feminista é o de ter demolido o pertinaz clixé de que a saúde mental pasa polo goce fálico entre un home e unha muller. Do que o propio inventor da Psicanálise se beneficiou.

Pero, se a diferencia entre o normal e o patolóxico, no que ten que ver co sexo, non é asunto de natureza, entón ningunha intervención médica sobre o corpo biolóxico, o corpo natural, pode asegurar que un sufrimento baseado no efecto do discurso, de certas palabras ou imaxes, sobre o corpo dese persoa, cese. Daquela, o que apenas podo comprender, comentaba co miña amiga médica, é que as persoas que se senten nun corpo equivocado acudan a un establecemento médico que, esta vez si por natureza, non pode tratar aquilo que está na base do problema, a saber, os efectos do discurso no corpo e do goce no encontro azaroso entre dous corpos. Nin que o persoal médico pareza non ter nada que dicir e non sufran a queimadura da dúbida, “estrés ético” di un médico no documental, de se son eles quen poidan responder á demanda deses cidadás. De se non están negando aquel principio da acción médica de primun non nocere: o primeiro é non facer dano. Nin tampouco que alguén crea que o cambio de nome na anotación rexistral acabe con eses problemas.

Nese momento a conversación quedou interrompida. A miña amiga estaba de garda. Despediuse cun “seguiremos”.