Mari Carmen Amoedo voceira do PP de Redondela
Moitas veces temos escoitado comentarios e declaracións de responsábeis públicos nas que afirman que a atención social, o benestar, non é unha competencia das administracións locais. Non estou dacordo. En absoluto.
Durante moitos anos tiven cargos de responsabilidade no goberno de Redondela, en distintas áreas, e en ningunha delas é tan patente a responsabilidade de atender os problemas dos nosos veciños e veciñas, como na Concellería de Servizos Sociais.
Vou aínda máis aló:a esencia da acción de calquera Concello ten que ser procurar que ninguén vexa desatendidas a súas necesidades básicas: fogar, comida, educación, seguridade e liberdade. É a obriga dos responsábeis públicos, da igual que nos sentemos na Xunta de Goberno ou nas cadeiras da oposición, garantir esas atencións e, ademáis, de xeito que as persoas non perdan a súa dignidade.
Non facemos, así, outra cousa respectar a promesa que realizamos ao acceder a un cargo público que é a de cumprir e facer cumprir a Constitución que consagra, literalmente, dacordo coa Declaración Universal dos Dereitos Humanos, “a dignidade das persoas, os seus dereitos inviolabeis o libre desenrolo da personalidade…”. Ese é o comezo do noso traballo.
Sempre fun da opinión de que a área de Benestar Social ten que estar a marxe da contenda partidista o cal non é facil e, ademáis require algo que en política é case imposible: que os representantes públicos deixemos de pensar en nós mesmos e pensemos nos demáis.
Recoñezo que algo así require un esforzo constante que non sempre o conseguimos e que a atración da crítica é tan forte como a atración gravitatoria…pero se queremos lograr resultados hai que renunciar sentirse político para sentirnos veciños e poder sentarnos, tomarnos algo e chegar a acordos.
Eses acordos son a base para garantir que as persoas maiores estarán acompañadas; que quen perda o seu emprego non quedará sen casa; que a quen non teña recursos non lle faltará comida na mesa e non lle cortarán a luz; que podemos protexer ás mulleres que son agredidas, ameazadas e que ven en risco a súa vida; que poderemos axudar, de verdade, a quen busca un emprego ou que ningún neno o nena deixrá de ir ao colexio porque a súa familia non poida pagar a matrícula ou os libros.
Agora é, pode que máis que antes, o momento do servizo social. Regresamos dunha pandemia que atacou a base do sustento de moitas familias; afrontamos a obriga moral de acoller a quen fuxe da guerra e enfrontamos a suba de suministros básicos, como a electricidade, os combustibles e os alimentos. Que máis argumentos precisamos?
Os recursos municipais teñen que ser os primeiros en chegar, porque somos os que máis preto estamos das persoas, os que coñecemos a súa angustia antes que ninguén, os que temos que botar a primeira man e os que vivimos con eles porque, antes que nada, somos os seus veciños.