Marín, agosto de 2019
Corsario, corsaria: [Navegante, navío] que coa autorización do seu goberno se dedica a atacar e saquear navíos doutros países.Dicionario RAG.
Estamos gobernados por corsari@sque saquean o noso país, o noso navío. O mellor exemplo témolo na sanidade pública. Acosada, canoneada e abordada polos corsarios das grandes corporacións que chuchan o interior do ovo deixando a casca.
Hoxe gran parte dos servizos do Sergas están en mans privadas. O goberno corsario do PP entregoulle aos seus amos a decisión de que aparellos de electromedicina mercar e cando empregalos. Agasallounos coa limpeza dos hospitais e centros de saúde ou os servizos de lavandería. A alimentación funciona con criterios económicos de rendibilidade e non en función das necesitades sanitarias. Así a inauguración do novo hospital de Vigo, o Álvaro Cunqueiro, veu acompañada de alarmantes denuncias dos pacientes sobre a pésima calidade dos menús: xantar frío, cea queimada, comida escasa…
Que dicir da pediatría. A atención pediátrica estase convertendo nun articulo de luxo na sanidade galega. A incompetencia e o desinterese dos nosos corsarios fai que pais e nais teñan que desprazarse, e nalgúns casos facer moitos quilómetros, para os seus fillos e fillas seren atendidos. Como acontece coa rapazada de Vilaboa que ten que peregrinar ao pediatra a Soutomaior.
Esta é unha situación que se repite por toda Galiza. Todos os días podemos ler nos xornais as queixas d@sprofesionais e das asociacións de usuari@sdenunciando os atrasos e a falta de médicos. Onde nunca poderemos ver estas queixas é na TVG, nen escoitalas na Radio Galega, xa que os corsarios teñen secuestrados os nosos medios de comunicación públicos.
En Marín non somos alleos a estes actos de piratería.No noso novo centro de saúde tamén se poden ver as colas e tamén se sofren os atrasos nas citas para que che atenda o médico.
As urxencias no Punto de Atención Continuada (PAC) merecen capítulo aparte. A falta de médic@s e Ats neste servizo en Marín, como no resto de Galiza, é unha constante que se repite poñendo en perigo a vida das persoas. Cando nun fin de semana no PAC de Marín non hai persoal de reforzo, como debería haber, pode acontecer que o centro quede sen persoal sanitario se hai que saír para atender unha urxencia. Isto aconteceu en A Estrada co tráxico desenlace que xa coñecemos.
O importante é o botín, a conta de resultados e non gastar de mais en cuestións que os corsarios consideran secundarias como son a vida das persoas.
Marín ten tradición na actividade de corso, o famoso corsario Juán Gago de Mendoza xa facía das súas atacando Naos e loitando contra os franceses. Hoxe desde o concello os nosos corsarios modernos seguen con esa tradición, sendo cómplices necesarios do saqueo sanitario e xustificando o deterioro dos nosos centros educativos públicos en beneficio dos privados. Sempre tiveron unha actitude pasiva cando nos deixaron sen ambulancia pola noite e defenderon ao Sergas ante as carencias do novo centro de saúde, antepoñendo os intereses partidarios fronte ás necesidades do pobo de Marín.
Compre afundir estes buques corsarios se queremos garantir un futuro para a sanidade publica galega. Temos que combatelos todos os días reivindicando unha mellor sanidade pública e preparármonos para o gran combate naval de Maio do 2020. Precisamos tripulacións preparadas e decididas para lanzarse á abordaxe liberadora.