
Santiago de Compostela, 4 de novembro de 2021.
O Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela, acollerá os días 12 e 13 deste mes a Asamblea Xeral da Rede Europea pola Igualdade das Linguas (ELEN), na que participarán de maneira presencial 35 delegadas e delegados en representación de 47 linguas de 24 Estados europeos e que contará coa presenza virtual de Fernand de Varennes, relator especial para as minorías da Oficina do Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Dereitos Humanos.
A Asamblea Xeral de ELEN, que organiza a Mesa pola Normalización Lingüística, contará na súa sesión inaugural, o venres 12 de novembro, coa actuación de Guadi Galego e coa presenza de personalidades do país e mais do resto de Europa, como Vesna Crnić-Grotić, presidenta do Comité de Expertos da Carta Europea para as Linguas Rexionais ou Minoritarias.