Unha foliada (tamén denominada serán, polavila, ruada, fiadeiro ou danza) é unha festa popular na que a danza e a música tradicional galegas xogan un rol central. Frecuentemente realízase durante a tarde e a noite nas vilas de Galiza. As foliadas son consideradas un elemento moi importante do patrimonio cultural galego.

A nosa terra está chea de festas, temos 313 concellos e unhas 3784 parroquias con cada seu santo ou santa; podemos ir a unha ou a varias festas todos os días do ano. Festas de santos, foguetes e verbenas.

Mais tamén temos outras formas de pasalo ben, máis tradicionais e moi estendidas no pasado, que poderíamos considerar recuperadas e con moito pulo.

Nos últimos tempos estase a dar un renacemento da nosa música e baile tradicional, hai Seráns e Foliadas dunha punta a outra da Galiza. O que no pasado foi tradicionalmente rural hoxe invade as rúas das vilas e cidades, e xa é normal ver grupos de bailadores e bailadoras en Pontevedra, Santiago, Vigo, A Coruña fóra do mundo das agrupacións tradicionais.

Pandeiretas, gaitas, bailes, cantos… neste mes de setembro as redes sociais e as rúas énchense de anuncios de asociacións, agrupacións culturais e grupos tradicionais ofertando os seus cursos.

Hai páxinas especializadas e perfís en redes onde se pode seguir a gran programación de eventos onde a nosa tradición é protagonista. Todas as semanas temos onde ir bailar ou escoitar a nosa música, os nosos grupos musicais, pandereteir@s, gaiteir@s, bailadores e bailadoras.

Porén, todo isto contrasta co desleixo institucional da Xunta de Galiza e da maioría dos concellos e deputacións. Mentres noutros países aprenden nas escolas os seus bailes tradicionais, a tocar os seus instrumentos, as súas tradicións, aquí pódese cursar todo o ensino sen aprender as mínimas nocións do que é unha muiñeira, unha xota ou para que serve un pandeiro.. Que podemos esperar dos que queren matar o noso idioma.

As recollidas dos nosos cantos e dos nosos bailes están da man do voluntarismo de moitas persoas, a maioría novas, que investiron o seu tempo e o seu diñeiro en percorrer o nosos país recompilando da xente maior un legado que non debe desaparecer e temos a obriga de manter. Un traballo que non fixo nin fai unha administración autonómica que traballa arreo por transformar a nación galega en catro provincias españolas.

A Panorama, A París de Noia, o Combo dominicano, etc., repítense ano tras ano nas festas de Marín e da maioría dos concellos e parroquias do noso país. Nun modelo de festas atrapado polas grandes pantallas, o grandes luces e unha chea de vatios que fan estralar os ouvidos; onde a xente non baila, só mira pero non ve. Unha morea de cartos para unhas poucas orquestras moi ben promovidas tamén desde a TVG.

Na TVG podemos ver todas as pelexas que se producen as fins de semana ou as ratas que pasean polas rúas, só das cidades non gobernadas polo PP, as cabazas ou as cebolas máis grandes que se deron este verán nas hortas galegas. E, por suposto, todas as festas adicadas á exaltación dos ovos fritos, dos pementos, da tortilla, da empanadas, dos callos… Máis o que nunca veremos neses programas “divulgativos” serán as foliadas ou os festivais de música tradicional que enchen os torreiros e os campos das festas das nosas parroquias.

E as nosas músicas, os nosos bailes, os nosos grupos, os nosos artistas non existen ou teñen un espazo testemuñal.

Bótase en falta un organismo público que vele, protexa e promova o noso gran patrimonio cultural. Que recolla, arquive, conserve, organice e permita o acceso a todo iso. Que para aprender un baile ou escoitar unha cantiga non teñamos só a alternativa de ir ao YouTube ou ao Tik-Toke buscar alí os vídeos que soben as moitas persoas que aman e gostan da nosa tradición e fan un traballo impagábel.

Marín, 18 de setembro de 2026.

Pedro M. Cortegoso Gago.