O pasado 4 de marzo o deputado do BNG Luis Bará, acompañado dunha representación da militancia do BNG de Marín, denunciou o feche do centro formativo A Aixola desde o ano 2017 e comprometeuse a súa reapertura se o BNG ten responsabilidades de goberno.
Este centro pechouse pola incapacidade das Consellarías do Mar e Industria para poñerse de acordo na súa xestión, un enfrontamento estúpido que levou á perda de empregos e a deixar sen formación a varios centos de alumnos que pasaban todos os anos polas súas aulas.
Hoxe hai moitas empresas demandando profesionais con este tipo de formación no sector naval e no eólico. Calcúlase que deixaron de recibir formación unhas 300 persoas, moitas das cales poderían estar xa hoxe traballando. A isto temos que sumarlle o abandono das instalacións e da maquinaria, así como a paralización de diversos proxectos formativos.
Este centro tiña, e esperemos que cedo teña, o obxectivo de capacitar profesionalmente e actualizar a persoas con traballos vinculados ao mar en actividades formativas como a madeira, redes, plásticos, composites, etc. E no tempo que estivo en funcionamento tivo unha porcentaxe moi alta de colocación ao mundo laboral do seu alumnado.
Só podemos cualificar esta situación como de desidia, incapacidade e mala xestión dun goberno da Xunta irresponsábel. Porén, non só ten culpa a administración autonómica, desde o goberno municipal de Marín, coa súa alcaldesa a fronte, non se fixo nada por evitar o peche de A Aixola.
Nesta dez anos de goberno de Feixóo as maiores achegas que fixo a Marín foron o peche de centro A Aixola e do centro de recuperación de aves de Cotorredondo. Estes son os grandes logros da nosa alcaldesa-a-tempo-parcial e a súa capacidade de xestión diante de outras administracións “amigas”. Feixóo e Ramallo son todo “postureo” e propaganda, vendedores de fume. Contrasta este silencio cómplice coa “valerosa” defensa que fai dos intereses dunha empresa, Ence, moi ben relacionada co seu partido.
Estamos perdendo oportunidades de formación e de emprego. De empregos de verdade en empresas punteiras, non inventadas como os cinco mil postos de traballo que din xenera Ence. En Marín precisamos centros como A Aixola, que son unha necesarios para a mocidade e para a readaptación profesional, e que teñen unha grande saída profesional.
Non se pode consentir que polas diferencias entre consellarías teñamos a Aixola pechada e perdendo fondos europeos. Non se pode consentir, Marín non pode permitir durante máis tempo esta situación, mais cando somos a única vila do noso entorno que perde poboación e emprego, e que o único futuro que lle oferta á mocidade é a emigración.
Só nós queda confiar nun esperado cambio de goberno e no cumprimento do compromiso do BNG para reabrir a Aixola retomando todas as ofertas formativas. Polo noso futuro.