As florerías e o Coronavirus

As florerías e o Coronavirus
Continuamos a xeira polos distintos sectores profesionais, para coñecermos a incidencia que a crise sanitaria está a ter no seu modo de traballar e nos seus resultados económicos. Desta volta mergullámonos no fermoso mundo da flor. E para elo conversamos coa nosa amiga Rosana, a propietaria da florería Menta Poleo de Salvaterra. Malia que é unha muller nova, leva xa moitos anos nun sector que coñece á perfección. E ademais é unha excelente conversadora. Foi un pracer para min, coñecela. Velaí vai o que deu de si a nosa charla

ROSANA FIGUEIRAS

O CONFINAMENTO FOI NO PEOR MOMENTO POSIBLE PARA O NOSO SECTOR”

Canto tempo levas no negocio da flor?

Levo vinte anos

Oi! Empezaches moi noviña!

Pois si, porque isto xa me vén do berce. Porque a miña nai se dedicaba ao mundo das flores, e actualmente segue a dedicarse.

Ou sexa, que foi por herdanza?

No meu caso foi por gusto. Non tiña pensado seguir os pasos da miña nai. Cando era nova estudei para ter outra profesión pero, a flor, e o negocio familiar gustábame tanto que pouco a pouco foime absorbendo.

Sempre aquí en Salvaterra?

Non, que va! A miña nai comezou en Vigo, onde ten o seu negocio na zona de Valadares, e eu tiven locais en Melgaço, Portugal, e levo en Salvaterra xa doce anos.

Levas os 12 anos no mesmo local?

Efectivamente, o Menta Poleofoi creado en Salvaterra, neste mesmo local. Malia que levamos máis dunha década a implicación entre a Vila e o negocio debería ser máis forte do que é.

Cóntame que tipo de clientela tes? Cal é o perfil?

A metade masculino e a metade feminina. Un 50% de cada. En canto a idade vai dos 30 aos 70 anos.

Hai diferenzas de patrón de xénero entre o que merca un home e o que merca unha muller? Ou simplemente depende do perfil de cada persoa sen que en nada teña que ver o xénero?

Pola miña experiencia si que hai diferenza: o home, en xeral, achégase a mercar flores en datas determinadas para agasallo, por exemplo, o día dos namorados, día da nai, Natal, aniversarios, e así. As mulleres veñen máis acotío, temos clientas que poden vir mensualmente, e xa para adornar ou para levar ofrendas ao cemiterio.

Entendín que as mulleres compran con máis regularidade o home en datas determinadas.

Exactamente, iso é o que eu vexo.

Por gustos hai patróns? Se eu quixese seducir unha muller recomendaríasme diferente flor que se quixese seducir un home?

O que buscamos os profesionais da flor é a igualdade. De feito, fíxate que contra o que podería parecer polos estereotipos, hai máis profesores a nivel mundial que son homes que mulleres. A nivel galego se cadra, aínda non acadamos eses niveis que non sexa tan sinxelo agasallar con flores a un home. De facelo, o máis habitual é que se lle agasallen rosas, sen que se dea tanta variedade como para ofrecerllas a unha muller. Agora ben, diferenza non a hai.

Se cadra, aínda é complicado atopar un home a quen se lle agasalle con flores, non si?

É si. Aínda é complicado.

Falando de complicacións, cóntame que supuxo o confinamento para o negocio da flor, como vivistes as floristas os meses de marzo e abril?

A nivel produtivo, porque isto parte de abaixo, da produción, foi moi mal. Foi dos peores momentos para que nos tocase a pandemia xa que de marzo a xuño dáse a meirande produción de bulbo floral que hai en Galicia, tamén en Andalucía e outras zonas produtoras de flor. Entón, cortouse Semana Santa, unha época moi importante para a flor. E tamén o Día do Pai, o Día da Nai. A primavera foi horrible, para nós sería moito menos prexudicial nesta altura do ano na que estamos.

Algunhas floristas láianse de que tiñan moito xénero comprado e que tiveron que tirar con todo.

Contabamos todas coas vendas do Día do Pai. Ese día véndese moito xénero para levar ao cemiterio, aí si que foi un golpe.

Recibiches algún tipo de axuda?

Pois mira si. Dende que son autónoma é a primeira vez que recibo algún tipo de axuda. Foi da Administración estatal. Certamente serviu para manter o negocio e tirar para adiante. A nivel da Xunta nadiña, moita propaganda pero nada, as condicións que poñen son imposibles, inaccesibles, palla trillada. Incluso as axudas que dan para a hostalería é para rirse deles. A nivel local cero tamén.

Unha vez que chegou a desescalada, a facturación mantívose estable ou baixou moito?

A facturación está baixa aínda nestes momentos, malia que levamos abertos dende mediados de maio. De estabilizarse nada, a flor segue a ser un artigo de luxo e estes tempos de incerteza non son bos para o sector.

As plantas que vendes, que orixe teñen?

Vénche toda de fóra. O mundo floral céntrase en Holanda, aínda que Holanda tamén importa. É tan absurdo como que moita flor de Andalucía vai para Holanda a poxa, e de alí, vén aos nosos negocios. Entón, as maiores compras son a través de Holanda. Temos produción galega e tamén española pero soamente en determinadas ocasións. Por exemplo, a flor de Nadal que teño arestora é dun produtor de Pontevedra.

Pensei que en Galicia se producía máis flor.

Non é que se produza pouca flor, é que se produce pouca variedade por varias causas, unha delas é o clima.

Cal é a flor que máis se produce en Galicia?

Quizais neste momento sexa o lilium, e tamén margaridas, rosas, xerberas, pero estas últimas en determinadas ocasións e de tempada, de marzo a xuño. Despois hai que compralas de Holanda, de Ecuador…