A Pobreza ten faciana de muller

COORDINADORA GALEGA DA MARCHA MUNDIAL DAS MULLERES
COORDINADORA GALEGA DA MARCHA MUNDIAL DAS MULLERES

O pasado 8 de marzo, Galegas 8M facía retumbar as rúas baixo o lema de “Sen coidados non hai vida”. Cinco palabras cunha soa pretensión: dignificar o traballo dos coidados, visibilizar o que e invisíbel. A pandemia actual provocada pola COVID é un exemplo práctico e global dos motivos que impulsan a saída ás rúas das mulleres: a crise dos coidados e a crise das mulleres. Así, non foi e non é un lema sen contido. Dende o feminismo levamos anos reclamando que a vida debe estar no centro das políticas. As evidencias son claras: somos as mulleres as encargadas de soster a vida. Unha evidencia clarificada ca pandemia, onde fomos as mulleres as encargadas de soster as actividades esenciais. Sen embargo, os nosos labores seguen a ser altruístas, moito tememos que non sairemos reforzadas ata que a capacidade de mobilizacion e presion sexan notoriamente palpables.

O sistema capitalista atopase ancorado na explotación dos traballos mais esenciais, precisamente aqueles que son menos valorados, como é o caso do coidado, a limpeza ou a alimentación. Estes sectores, todos eles feminizados, carecen de prestixio social e son os peor valorados economicamente. Como é posible soster un mercado que devalúa gradualmente as actividades canto mais esencias sexan? Con pobreza, violencia e desigualdade social. As mulleres temos os menores salarios, cando os temos. Os traballos de coidados gratuitos facémolos nós: coidado de crianzas, de personas enfermas, de personas adultas e sas pero que precisan ter cubertas as suas necesidades diarias de alimentacion de lavado de roupa, etc. Cando estes coidados esenciais se profesionalizan de ser gratuítos, por amor, pasan a ser traballos precarios feminizados e racializados. A Marcha Mundial das Mulleres reclama o cese desta cadea de pobreza das mulleres e traballa para construír unha sociedade que garanta os coidados de todas, onde ningunha se libere cargándolles os coidados ás migrantes. Precísanse respostas colectivas, e que a calidade de vida das personas non dependa das circunstancias individuais de cada quen. Ninguna persona é un refugallo.

A incerteza que presenta a crise do coronavirus é un caldo de cultivo para a reacción antifeminista e de extrema dereita, pois preséntannos como única alternativa a volta aos espazos de seguridade, a volta ao pasado tradicional, a valores rancios onde a muller debe volver ao fogar. Unha mensaxe sumamente torpe e ignorante pode ser atractiva cando vén agochada nun discurso sutil. Asi, non se establecen medidas para acabar coa fenda dixital das mulleres, e en particular, das mulleres rurais, imponse o teletraballo como alternativa sendo as mulleres as que volven sufrir o problema de conxugar a vida familiar coa laboral, ante a falta de alternativas comunitarias as mulleres están a abandonar os seus postos de traballo para coidar das crianzas ou reducir as súas xornadas. En conclusión, a pandemia acrecentou o enfrontamento entre o sistema de coidados e emprego remunerado.

Frente o crecemento continuado e a acumulación crecente do capitalismo, a MMM esixe políticas transversais, que desenvoquen nun cambio de sistema. Un sistema que actualmente funciona e se alimenta a base de que o noso benestar estea baseado no espolio das riquezas naturais das nacións e dos países do Sul Global, na explotación ambiental e na segregación por xéneros. Os corpos das mulleres pobres fan parte das riquezas naturais que son explotables converténdose en mercadorías para os negocios das transnacionais: prostitución, ventres de alugueiro, empregadas do fogar internas. 

Para eliminar a pobreza, dende a MMM propomos parar a globalización, na súa versión neoliberal, que está afondando cada vez máis a fenda que separa aos pobres dos ricos. Algunhas das medidas plantexadas son as seguintes:

– Implantar normativas que, sen discriminación, permitan ás mulleres exercer os seus dereitos e ter acceso aos recursos básicos: auga potable, enerxía, hixiene, saúde, nutrición. 

Reforzo dos servizos públicos e de calidade, nomeadamente, educación, saúde, transporte colectivos, garderías, parques e zonas de recreo democráticos. 

– Centros públicos e de calidade para os coidados das persoas maiores, sempre garantindo o dereito a ser coidadas no noso fogar. 

– Soberanía alimentaria: dereito á produción e a distribución de alimentos en comercios de proximidade, que garantan unha seguridade alimentaria e o mantemento do medio ambiente. 

– Acceso a unha vivenda decente: rendas de alugueiro urxentes, vivendas comunitarias. 

– Sistemas de redistribución da riqueza actualmente monopolizada polos países industrializados máis ricos consumidores dos recursos naturais de todo o planeta. 

– Sistemas de redistribución do benestar simbólico: tempo, ocio, educación para a corresponsabilidade. 

– A loita contra a violencia machista dende a infancia, con plans de verdadeira coeducación e con recursos. As políticas públicas de igualdade son cada vez máis urxentes para atallar as desigualdades económicas e debilitar as xerarquías.

A Marcha Mundial das Mulleres leva vinte anos na Galiza na loita feminista, baseada en dous obxectivos principais: a loita contra a violencia machista e a loita contra a pobreza. Desenvolveu un método para a definición de consensos, e unha forma de actuación que implica a construción permanente dunha rede interconectada entre o local, o nacional e o internacional. 

RESISTIMOS PARA VIVI, MARCHAMOS PARA TRANSFORMAR!