O ano que entra estará marcado polas eleccións municipais e xerais, estas van condicionar a actuación dos partidos políticos cuxas maquinarias electorais xa funcionan a toda máquina para dar vida ao “circo da democracia”.
Os representantes do réxime tentarán poñer a súa faciana mais amábel para tentar convencernos que o seu produto é o mellor, que lava máis branco (nunca mellor dito). Lavan e deixan dun branco impoluto un réxime centralista e capitalista onde todo quedou atado e ben atado tras a morte do Caudillo. Ataron ás poltronas os maxistrados, os xenerais, os oligarcas, a xerarquía católica, e creáronse novas para os recen paridos partidos políticos do novo réxime do 78.
O mundo
Continuará no 23 como o deixamos no 22, nunha loita entre o nacemento e a morte, entre a desaparición da hexemonía do imperialismo USA e a aparición dun novo orde multipolar. Cun imperio que pretende seguir facendo o que mellor sabe facer: provocar guerras, organizar golpes de estado, bombardear países, asasinar lideres, ameazar gobernos.
E isto coa colaboración e subordinación dunha Unión Europea dirixida por uns monicreques sen nivel que desprezan e pretender sacrificar aos pobos que gobernan. Até o último ucraíno repiten mentres envían armas e cartos para tentar manter un imperio decadente.
Con todo da a impresión que a situación está cambiando e cada día hai máis países que resisten a aceitar as “regras de xogo” do occidente colectivo.
Estado Español
Na España monárquica continuará o circo político mediático co que nós alimentan todos os días institucións, partidos e medios de comunicación. As leas entre o PSOE e o PP coa participación de actores secundarios como Cs, Vox, ERC ou Bildu só teñen como finalidade anestesiarnos e distraernos dos problemas diarios. Cambiou de cromos no constitucional, progresistas e conservadores, tanto monta monta tanto.
E mentres o noso nivel de vida afúndese. Baixan os salarios e soben a gasolina, o gas, a electricidade, os prezos nos supermercados. As subvencións aos combustíbeis e aos alimentos de primeira necesidade van para aos petos dos especuladores. A reforma laboral continúa en todo o seu esplendor, a lei mordaza non se toca e, pola contra, sácanse da manga unha nova Lei de Seguridade Nacional e unha reforma da “sedición” para reforzar as capacidades represivas do estado. Menos mal que temos o goberno máis progresista da historia.
Porén, se hai algo no que curiosamente coinciden todos é na súa posición sobre a guerra en Ucraína e no apoio ao seu goberno nazi, o que dispara con armas españolas contra a súa propia poboación, que bombardea hospitais e mercados.
Temos o goberno mais militarista da historia, que leva gastados miles de millóns en armamento, que envía inxentes cantidades de cartos para continuar a guerra en Ucraína. España sempre ao servizo de EEUU.
Galiza
O noso pobo vai seguir sometido polo estado español a unha situación de dependencia, como boa colonia que é. Estes anos de autonomía demostraron ben demostrado que a Xunta é un invento para continuar a doma e castración de Galiza.
No 23, como no 22 e nos anteriores, continuaremos sofrendo a pandemia de “arcolitos”, acompañados dunha nova especie invasora: o eólico. Uns muíños ao parecer anfibios, xa que o mesmo poden chantalos no monte como no mar.
O nosos sectores produtivos seguiran minguando grazas á divina intervención da UE, o estado español e a administración autonómica, empeñados en recortar cotas de pesca, “desgüazar” barcos e fechar explotacións gandeiras.
E que dicir do idioma, de mal en peor coa política de xenocidio lingüístico e cultural aplicada polo PP desde a Xunta, coa connivencia do PSOE en concellos e deputacións.
Que facer?
O primeiro e fundamental e falar claro e dicir a verdade. Hai que explicar cara onde camiña o mundo e polo tanto nós.
Explicar cal é a nosa realidade económica e social integrados no estado español e na UE, onde deciden como vai ser a nosa política forestal, enerxética, industrial, pesqueira, etc, sen que poidamos dicir ren.
Explicar que supón para Galiza, como parte do estado español, estar integrada nunha organización como é a Otan. Un instrumento ao servizo do imperialismo e do capitalismo made in USA, unha organización criminal que bombardea con total impunidade países, poboación civil, que alimenta a guerra contra Rusia, a desestabilización de Iran, Venezuela, etc, e que ten como futuro obxectivo a China.
Explicar que o autonomía que temos hoxe non é un instrumento válido para solucionar os noso problemas, non serve para que poidamos decidir nada, xa que o enramado político institucional herdado do franquismo ten os instrumentos para diluír o noso “autogoberno” como o azucre na auga.
Os límites do campo de xogo e as regras só existen para o pobo galego pero non para o estado español. Exemplos recentes temos nos intentos de vascos e cataláns por cambiar “democraticamente” as regras, e reprimidos institucionalmente uns e policial e xudicialmente os outros.
É necesario falar claro sen oportunismos políticos e sen estar condicionados polos resultados electorais, para iso precisamos instrumentos políticos á altura das circunstancias. Témolos?
Marín, 8 de xaneiro de 2023
Asdo.: Pedro M. Cortegoso Gago