
O deputado do BNG Manuel Lourenzo Sobral acompañado polo Portavoz Municipal do BNG da Guarda, Anxo Baz, ven de anunciar a presentación dunha iniciativa no Parlamento de Galiza para que a Xunta habilite axudas para afrontar os danos provocados polo temporal.
As choivas do pasado 1 de Xaneiro, causaron danos de gravidade excepcional na comarca do Baixo-Miño. Neste primeiro día do ano as precipitacións acadaron os 126 litros por metro cadrado.
No caso da Guarda a intensidade das choivas provocou derrubes no monte Trega, na zona do Muiño e inundacións no Codesal, danos que supoñen un perigo para a veciñanza que transita polo polo lugar.
A iniciativa presentada polos nacionalistas recolle tamén os danos que se produciron nos outros Concellos do Baixo-Miño e insta a Xunta de Galiza a habilitar unha partida de axudas extraordinarias para afrontar os graves danos ocasionados polas choivas.