Veciños e veciñas afectados polas deficiencias da estrada provincial EP2702 celebraron unha asemblea o pasado sábado 23 de outubro na que acordaron constituírse nunha Plataforma para defender as súas demandas.
Pazos de Borbén, 25 de outubro de 2021
O pasado sábado 23 de outubro celebrouse en Nespereira unha concorrida xuntanza veciñal para tratar a situación da estrada provincial EP2702 Amoedo-Os Valos. Esta vía presenta un mal estado do firme, un ancho de vía estreito, numerosas curvas e carece de espazo para peóns. Todo isto, xunto co elevado tráfico que soporta, gran parte del vehículos pesados, fai que transitar por esta estrada supoña un perigo para viandantes e condutores.
A Deputación ten aprobado un proxecto de mellora que contempla un lixeiro ancheamento e unha senda para peóns no tramo que atravesa o núcleo de Nespereira. Sen embargo, estas melloras están no aire pois o Concello de Pazos de Borbén non accede a colaborar coa Deputación. Pola súa parte, a Deputación alega que en ningún caso lle vai conceder un trato privilexiado a Pazos de Borbén, e que o concello terá que cumprir os mesmos requisitos que se lle levan anos esixindo a todos os demais, isto é, xestionar as cesións dos terreos e financiar unha pequena parte das obras, xa que estas contemplan elementos de urbanización que son de competencia local.
Ante o perigo de que a Deputación termine por asfaltar a estrada sen acometer unha mellora substancial, os numerosos asistentes, principalmente das parroquias de Cepeda e Nespereira pero tamén doutros lugares do concello de Pazos de Borbén, acordaron constituírse nunha “Plataforma para a mellora da EP2702”.
Dende a recente creada Plataforma recalcan que esta vía atravesa dous dos núcleos máis poboados do Concello, Cepeda e Nespereira, e dá servizo ao Polígono industrial de Amoedo, o que xera un importante tráfico de vehículos pesados. Ademais, é usada como vía de saída cara a zona industrial de Porriño e cara algunhas áreas de Vigo, tanto dende gran parte do Concello de Pazos como incluso dende o veciño Fornelos.
As primeiras accións que vai levar adiante a Plataforma son unha campaña de recollida de sinaturas e, posteriormente, solicitar reunións con Concello e Deputación para trasladarlle as demandas veciñais e recibir información de primeira man. As persoas asistentes tamén amosaron plena disposición a levar adiante protestas en caso de que as súas xustas demandas non sexan atendidas. Que non son outras que o arranxo da EP2702 con criterios deste século e non do pasado, isto é, priorizando a seguridade viaria, o que non se vai conseguir cun simple asfaltado.