O mercado de Nadal do Rosal terá oito postos adicados a artesanía, asociacións e vendedores gastronómicos

O mercado de Nadal do Rosal terá oito postos adicados a artesanía, asociacións e vendedores gastronómicos

As persoas interesadas poden presentarse ata o vindeiro 23 de novembro e a selección será por orde de inscrición

O Rosal, 05 de novembro de 2021

O Concello do Rosal xa está a preparar o Nadal. Este ano organiza un mercado con oito postos para que os artesáns, as asociacións e os vendedores gastronómicos poidan vender os seus produtos no centro do municipio. Terá lugar os días os días 4, 5 e 6 de decembro no salón de exposicións do Concello de 11:00 a 14:00 h e de 17:00 a 21:00 h. A alcaldesa, Ánxela Fernández, destaca que “o mercado vai ser un espazo de oportunidades para que as persoas que realizan traballos relacionados coa artesanía e o deseño poidan visibilizar o seu traballo e talento creativo”.

As persoas interesadas poderán presentar as súas solicitudes ata o vindeiro 23 de novembro e a selección será por orde de inscrición. Deberán entregar no Rexistro do Concello dende o luns 8 de novembro ás 08.00 horas o DNI, o carné de manipulador de alimentos (só vendedores de produtos gastronómicos que non teñan pasado controis de calidade), a solicitude de inscrición sinalando concretamente os produtos que se van vender e unha declaración de responsabilidade.

O número máximo de postos será de oito concedéndose un único posto por participante. Cada un deles terá unha dimensión de 4 metros de largo por 1 metro de ancho. Quedará da man de cada persoa a decoración do posto da forma máis atractiva posible adecuándose á temática do Nadal. A alcaldesa anima “ás asociacións, aos artesáns e aos vendedores de produtos gastronómicos a sumarse a este mercado para desfrutar do Nadal xuntos e xuntas”.