Carmen Gómez, veciña de Amorín celebrou o seu 100 aniversario rodeada de cariño

Carmen Gómez, veciña de Amorín celebrou o seu 100 aniversario rodeada de cariño

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González e a concelleira de Benestar Social, Cristina Martínez, achegáronse até o seu domicilio en Amorín para darlle os parabéns

Tomiño, 5 de novembro de 2021

María del Carmen Gómez Alonso cumpriu onte 100 anos rodeada do cariño da súa grande familia (6 fillos –dous xa falecidos- 17 netos, 28 bisnetos e 3 tataranetos). Vive coa súa filla Felicitas e conta coa axuda de Conchi, traballadora do Servizo de Axuda no Fogar.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González e a concelleira de Benestar Social, Cristina Martínez, achegáronse até o seu domicilio en Amorín (Tomiño) para darlle os parabéns e levarlle algún agasallo. Puideron comprobar de primeira man, que a señora Carmen goza dunha saúde envexable, tanto física como mental. Ela mesma foi quen de resumirlles a historia da súa vida; unha historia dura e de moitísimo traballo, para sacar adiante aos seus fillos soa, xa que o marido viaxou ao Caribe (e morreu alí aos tres anos de chegar) cando o maior tiña 13 anos e o menor só 3 meses.

Coa única axuda da súa nai e traballando no campo sen descanso, logrou sacalos adiante. Na actualidade os seus días transcorren de outro modo, aínda que non perde detalle das tarefas da casa e participa na vida dos seus familiares. Pasea diariamente pola finca; sen gafas lee e cose (axuda a súa filla a enherbar a agulla) e ten unhas analíticas modélicas, xa que só come peixe, con patacas cocidas; ovos e iogures e bebe auga e colacao con leite para almorzar.