
Esta semana asinábase dentro do antigo edificio do Concello de Salvaterra de Miño, por parte da Xunta de Galicia e os técnicos, a acta de replanteo da obra de rehabilitación para a creación da nova Biblioteca Pública, que comezará en breve.
Esta obra executarase a través do “Plan Hurbe” 2019-2020 da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda a través da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo e o Concello de Salvaterra de Miño que fará a súa aportación a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, cun prazo de execución de 9 meses.
As obras principais serán o acondicionamento do espazo interior da antiga edificación do Concello, dotando ao edificio de todas as esixencias coa demolición e creación de novas escaleiras, a instalación dun ascensor, substitución do forxado da primeira planta e do pavimento, dos revestimentos actuais, tabiquería divisoria e do falso teito que permitirá crear un espazo dinámico e adaptado as necesidades actuais da poboación do municipio.
A biblioteca pretende dar resposta á nova demanda, creando unha zona específica para os máis cativos na primeira planta que permitirá adaptar as actividades que se realizan dun xeito máis dinámico e interactivo cos nenos e nenas a través de obradoiros e outras actividades. Nesa mesma planta irá ubicada a zona de consulta tanto de libros como de informática. O segundo andar estará reservado a zona de estudo e contará cunha sala independente que permita preparar presentacións e traballos en grupo.