Santiago de Compostela, 24 de setembro de 2026.-
O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, saíu ao paso da emenda presentada esta mañá por PP e PSOE á proposta de novo Plan da lingua, recordando que o acordo segue vetando a nosa lingua na metade das asignaturas, pero que agora “obriga os centros a decidir cales son as materias nas que prohibir o uso do galego”.
Maceira advirte que, en todo caso, o acordo presentado non é máis ca unha declaración de intencións e incide en que a situación de emerxencia lingüística que vive o galego exixe “pasar á acción normativa”, que a proposta do PP de 2026 non só non mellora, senón que rebaixa considerabelmente.
O presidente da Mesa afirma que “o Partido Popular leva 22 anos incumprindo e boicotando todos os acordos sobre a lingua, nacionais e internacionais. “Nada impediu ao PP cumprir os acordos a favor do galego”, mais “boicoteáronos permanentemente, chegando a aprobar normas mesmo contrarias aos acordos e á lingua galega en ámbitos como a educación, a administración, o ámbito socioeconómico ou os medios de comunicación públicos”.
“Neste momento só hai unha proposta neste sentido”, afirma Maceira, a Iniciativa Lexislativa Popularpr esentada por Queremos Galego xunto ás organizacións sindicais, de consumidores, Confederacións de ANPAS, asociacións veciñais, culturais ou de persoas consumidoras”. Maceira vencella, de feito, o anuncio desta mañá coa presentación hai uns días desta iniciativa lexislativa, cun amplo apoio social, que parte das medidas contempladas nos acordos unánimes arredor da lingua (PXNLG, na CELRM, da DUDL e Lei Paz Andrade) para garantir a presenza do galego en todos os ámbitos e para todos os usos.
Contido da ILP
1. Garantía dos dereitos lingüísticos: para asegurar o cumprimento da PXNLG, a avaliación de impacto lingüístico das novas normas, o dereito ao uso do galego nos servizos económicos e comerciais e a creación dunha valedoría de dereitos lingüísticos.
2. Ensino: proponse derrogar o decreto contra o galego e estabelécese a galega como lingua vehicular e de acollida no conxunto do ensino sen que poida ser restrinxido, así como asegurar a formación do profesorado, a oferta de materiais e recursos didácticos, un programa específico na formación profesional e o aproveitamento da lusofonía.
3. Servizos públicos: Como lingua da administración pública, estabelece a oferta positiva en galego, o seu coñecemento para o acceso ao emprego público e a súa presenza e disposición por defecto e prioritaria da administración, incorpora clausulas e garantías de oferta e uso de galego nos contratos públicos. En ámbitos como a sanidade proponse a un plan de xestión lingüística e na xustiza a presenza do galego nos programas de xestión e documentos. Para contribuir á galeguización da administración a Xunta promoverá a creación de servizos de normalización lingüística e a coordinación entre eles. Por último, estabelécense accións e programas para a formación e integración de migrantes integramente en galego tendo en conta ás entidades representativas destas comunidades.
4. Medios de comunicación e dixitais: respecto aos medios públicos, a ILP propón o uso exclusivo do galego en todos os programas e producións, incluídos os contidos publicitarios, así como un plan estratéxico da CSAG que recupere o seu papel normalizador, o pluralismo e unha oferta ampla e atractiva, nomeadamente para o público infantil e xuvenil. Nas tecnoloxías propón asegurar a presenza por defecto e a súa incorporación nos servizos e dispositivos dixitais.
5. Oferta cultural, audiovisual e actividades deportivas: Estabelece o investimento público en obras e actividades culturais en galego, a promoción da distribución e difusión do libro en galego, cotas de emisión, dobraxe e lexendaxe para os fornecedores de servizos de comunicación audiovisual, garantir a exhibición de cinema en galego nas salas, e o galego como lingua das actividades deportivas nas que participar a Xunta.
6. Acción exterior, galego estremeiro e lusofonía: reclamación da oficialidade do galego na UE, o recoñecmento de Galiza na CPLP, mecanismos para a efectivización da ILP nos territorios de lingua galega fóra da comunidade autónoma e a creación do Instituto Rosalía de Castro para a promoción do galego no exterior.
Disposición derrogatoria. Finalmente, a ILP, conta cunha disposición que derroga o decreto contra o galego no ensino e unha serie de disposición finais que modifican os aspectos máis lesivos contra o galego de leis aprobadas polo Partido Popular en ámbitos como o consumo, o emprego público, a administración local, os medios públicos ou a intelixencia artificial.


