Critica a “dramática situación” na atención á saúde mental, con máis de 7.200 persoas agardando por unha primeira consulta en Psiquiatría

 Santiago de Compostela, 7 de agosto, 2026.

A portavoz de Sanidade Hospitalaria do BNG no Parlamento, Iria Carreira, denunciou os “graves problemas” que se se suceden este verán na rede de hospitais do Servicio Galego de Saúde (Sergas), con urxencias colapsadas, peche de camas, operacións canceladas por falta de persoal e un aumento das listas de espera como consecuencia das políticas do Goberno de Rueda.

“A pesar de toda a propaganda, os problemas na sanidade pública galega son claramente notábeis por culpa das políticas do PP, que ano tras ano, orzamento tras orzamento, van consolidando a deterioración na atención á saúde na rede do Sergas”, sostivo a deputada nacionalista, que reclamou o Goberno de Rueda un cambio de rumbo e que atenda ás queixas das miles de galegas e galegos que este verán están saíndo á rúa ao longo e ancho do País para reclamar melloras neste servizo público.

Carreira advertiu dunha “especie de círculo vicioso alimentado polas políticas do PP” que segue a afondar este verán na deterioración da atención hospitalaria, referíndose neste punto á saturación que, por exemplo, se está  a vivir estes meses estivais nas urxencias do CHUAC, “onde chegaron a ter que habilitarse ata corredores adicionais para poder situar a todas as pacientes”.

“Adicionais porque neste hospital, onde o Sergas decidiu pechar un cento de camas, xa hai algúns corredores que son de uso ordinario, vulnerando a intimidade das pacientes pero tamén as condicións de traballo do persoal”, precisou.

A deputada do BNG denunciou así mesmo esperas, onte mesmo, de máis de tres horas para recibir atención nas urxencias do Álvaro Cunqueiro, no que ademais este verán se están a cancelar cirurxías, ata doce nunha mesma xornada, por falta de persoal de enfermería. Tamén no Chuvi, destacou que o peche de camas está provocando que “persoas operadas pasen máis tempo do que necesitarían nas unidades de reanimación, o que implica que non se poidan realizar máis operacións”.

“Ese é o círculo vicioso do que falamos”, concretou, para referirse con casos concretos a alarmante situación das listas de espera, case 379.000 persoas segundo os últimos datos oficiais da Consellería de Sanidade, correspondentes a finais de 2025 e nos que se contemplan a “lista B”, non estrutural, que o PP non quere dar a coñecer e que inclúe, entre outros, as e os doentes que rexeitan ser atendidos na privada.

“Especialmente dramática e  situación na saúde mental, con máis de 7.200 persoas agardando  por unha primeira consulta en psiquiatría, mais con esperas de entre seis e nove meses para as consultas de revisión e valoración”, reprobou.

A portavoz de Sanidade Hospitalaria do BNG expuxo casos “dramáticos” de doentes que agardan para ser atendidos, como o de Estalislao García, que esperou durante seis meses cun diagnóstico de cancro de próstata para poder ser intervido, o dunha paciente en Verín que agarda desde 2021 por unha consulta de Oftalmoloxía ou doutra doente do CHUS que tras 17 meses aínda non ten tratamento para a súa patoloxía de xeonllo.

Trátanse de casos concretos que reflicten, subliñou, a gravidade dos problemas que sofre a sanidade pública, problemas que o PP, “intenta minimizar mentres continúa implantando políticas que afondan na deterioración do servizo público e derivando pacientes e financiamento público para o medre da privada”.

É por iso que a deputada do Bloque reclamou un “cambio radical” nas políticas sanitarias, con maior transparencia para coñecer a verdadeira realidade da sanidade pública, máis financiamento, máis profesionais e mellores condicións laborais para o cadro de persoal que debe coidar da saúde dos e das galegas.