Cousas de Salvaterra, a guerra no Douro-Minho

Vista actual da Fortaleza de Valença do Minho. Wikipedia.
Xaque
Antón Lourenzo, veciño da Vila

Lembremos que no anterior número, estábamos na altura do ano 1657, e continuamos no mesmo…

Salvaterra , 10 de xullo do 2025

Gobernaba a Praza de Valença D. Antonio de Abreu Capitán do Tercio de Francisco Péres, valente máis pouco práctico na arte militar. Don Álvaro de Abranches tiña mandado levantar un Fortín, que se comunicaba coa muralla da Praza, pero aparentemente tan imperfecto que deu confianza a D. Vicente Gonzaga para mandalo atacar de noite, pola mellor xente da que dispuña. Foi un asalto moi vigoroso, porén a defensa do Fortín foi máis valorosa, porque o Alferez Domingos Luís que o mandaba, socorrido polo Alférez Francisco Nunes, resistiron o asalto con moito brío, asistidos por douscentos soldados, que obrigaron a os Galegos a retirarse con grandes perdas.

Bastou esta resistencia para desengano de D. Vicente Gonzaga, que retirou o exército coa mesma celeridade con que o conducira a aquela Praza, entendeuse que a resolución de atacala, fora por entender que estaba mal defendida, como lle aseguraran algúns espías, de conseguir o obxectivo, tería grandes consecuencias, pois resultaba ser Valença a Praza máis importante daquela Provincia.

Ó mesmo tempo que D. Vicente atacou o Fortín, entraron corenta barcas guarnecidas de Infantería en Caminha ás que se opuxeron dúas caravelas, que recibiron auxilio daquela Praza e bastou a resistencia e a artillería de Caminha para facelas retirar.

Recibiu D. Álvaro de Abranches aviso deste suceso camiño de Viana, alí chegou a xuntar xente que acudiu de todas as partes da Provincia con grande celeridade, porén coa mesma presa tivo que reterse, por non atopar suficientes subministracións con que poder manterse.

Nesta altura por contra, tiña D. Vicente Gonzaga acrecentado o exército con grandes socorros, volvendo a restaurar a reputación perdida no ataque ó Fortín. O dezaoito de Xuño pasou o Río Miño por un lugar máis abaixo de Valença, con unha ponte de barcas que tiña preparada.

Había chegado a esta Praza o Tenente Xeneral Nuno da Cunha de Attaide, con algúns cabalos da Provincia de Beira. Na de entre Douro e Miño non se encontraba máis Oficial Maior que o Mestre de Campo Francisco Pérez da Silva e os Capitáns de cabaleiría Diogo de Britto Coutinho e Diogo Pereyra de Araujo, e o Tenente de Mestre de Campo Xeneral Antonio Soares da Costa, chegados da Beira. Os soldados Infantes de pago non pasaban de mil, nin os cabalos dun cento, a xente da Provincia tiña poucas armas e menos destreza na loita.

D. Vicente Gonzaga, habendo disposto todo o preciso, comezou a pasar o Río no lugar de Caracoes, perto de Valença. Logo que pasou o exército, fortificou o aloxamento que constaba de sete mil Infantes de pago, divididos en sete Terzos, e cinco máis de mil cincocentos cabalos repartidos en dezaseis Compañías, o Xeneral da Cabaleiría era Don Luis de Meneses, fillo máis vello do Conde de Tarouca, o Xeneral de Artillería era D. Diego de Velasco.

A dilación que os Galegos fixeron na pasaxe do río, deu lugar a chegaren a D. Álvaro de Abranches dous Tercios de Infantería da Provincia de Tras os Montes, un era de pago, dos que era Mestre de Campo D. Antonio Iaques de Payva, que en ausencia de Ioanne Mendes, que naquel tempo pasara ó goberno das Armas da Provincia do Alentejo, ficou gobernando Tras os Montes e o Tercio viña mandado polo Sarxento Maior, que era soldado valoroso. Outro de soldados a que chaman volantes, que viña a ser case o mesmo que Auxiliares, de que era Mestre de Campo Gregorio de Castro Moraes. O Tercio de pago compúñase de setecentos Infantes, o volante quinientos sesenta, e catrocentos cabalos pagos , e da Ordenanza divididos en sete Compañías, mandadas polo Tenente Xeral da Cabaleiría Domingos da Ponte Gallego.

Xuntos os exércitos, avistándose o dezaseis de xullo, faltou D. Álvaro de Abranches imposibilitado de achaques en Viana. Este incidente levantou a dúbida entre o Mestre de Campo Francisco Peres da Silva e o Tenente Xeneral da Cabaleiría Nuno da Cunha, sobre a cal dos dous tocaba o mando do exército porque inda que Francisco Peres era mais antigo Mestre de Campo que Nuno da Cunha Tenenete Xeneral, como naquel tempo non tiña El Rey declarado a preeminencia das patentes entre estes dous postos, calquera dos dous quería arrogarse o dereito a mandar. Poren Nuno da Cuña estava con razón máis forzosa, porque a Raiña lle había dado unha carta, para acceder a todos os postos en situación semellante.

Cando a cuestión estaba máis vigorosa, chegou ó exército o Vizconde de Vila Nova Don Diogo de Lima, determinando servir de soldado na mesma Provincia de que había sido Xeneral. Os Oficiais mais celosos e desinteresados comprenderon que o camiño na dubida entre Nuno da Cunha e Francisco Peres, era aceitar ó Vizconde no mando do exército ata que El Rey determinara o que fose mais util ó seu servizo.

Con apreciable resolución aceitou o Vizconde a oferta, e os dous contendentes a obediencia a tan cualificados merecementos como eran os do Vizconde, a Raíña louvou muito a Nuno da Cunha por ceder no privilexio que adquirira. Desvaneceron por esta acomodación os inconvenientes que puideran resultar, se non se efectuaba.

Avisaron as partidas que andaban vixiando o exército galego, das prolongadas marchas destes e que pola pouca anchura da estrada, merecía particular reflexión sobre a posibilidade de aproveitar a ocasión de atacalos…

Continuará.

“Historia do Portugal Restaurado,tomo II, Luís de Meneses”.