Marta PP A Cañiza
Sabedes os espelidos estes que non se lavan e botan colonia? O obxectivo é aparentar. Pasar por persoas aparentemente aseadas enganando ao que tes en fronte. Pero a roña está aí, debaixo do arrecendo.
E se consegues que o perfume dure o tempo necesario, podes hasta chegar a gañar eleccións.
O problema e cando, pouco a pouco, o perfume se mestura cos refugallos das glándulas sudoríparas, e o cheiro comeza a pasar de podre a rancio. É peor o remedio que a enfermidade, como se soe dicir.
Diso sabemos bastante por estes lares, e aínda que o Covid, deixou a moitos afectados do olfacto, aínda que hai quen aperta o nariz para evitar o cheiro e aínda que o perfume é do caro, a mestura infernal comeza a invadir o aire, cada día máis asfixiante.
Tal e como predixo o voceiro da oposición no último pleno municipal, a intención do alcalde “aprobando uns orzamentos” do ano en curso en lugar dos do ano que vai comezar, non é outra cousa que manobrar cos datos para contarlle á xente que ten uns “orzamentos de 6M de euros”, cando ese importe se corresponde cos cartos que, segundo o rexedor, se moveron no concello, no que vai de ano.
E cando penso en que se está empregando este dato como estratexia política, non entendo o beneficio que se cre que pode aportar. Claro está, salvo que este home pense que somos todos parvos e que non sabemos contar. E aínda que só sexa polos dedos, algo aínda vamos sabendo de números.
E non dan, eh! Porque a un concello que manexa todos estes cartos, véselle. E aquí, salvo instalacións desmanteladas como o parque dos cativos e as pistas de tenis, entre outros moitos, ver, o que se di ver, non vemos nada.
Bueno! É certo! Temos unhas xardineiras con flores novas! O alcalde chámalle xardíns; igual tampouco contou con que de vocabulario non vamos tan xustos.
Trinta mil euros en flores e casca de árbores! Iso si, contratadas a unha empresa de fóra porque as florerías da vila non teñen “caché” suficiente para facer ese traballo. Evitar que o comercio local poida recuperar dalgunha maneira parte dos impostos, cada vez máis abusivos, que ten que pagar relixiosamente, é a tarefa que mellor logra levar a cabo este goberno.
Non parece razoable ter todo o pobo abandonado e sen ningún tipo de mantemento, e gastar trinta mil euros en flores. Pero ben, para gustos, cores. E para prioridades, urnas.
Polo menos cando se encargaban das flores as florarías locais, non cortaban os sebes de máis de 60 anos como o “chupete “, nin arrasaban co noso patrimonio identitario.
Pero claro, con algo hai que tentar suavizar a nova subida de impostos: cunha man quítoche cartos e coa outra douche flores. Podería estirarse un pouco e levar bombóns de paso!
Seis millóns de euros, parece unha cantidade de cartos para presumir, pero escribir esa cifra nunha tabla de Excell para publicar nas redes sociais, non implican que se reflexe na realidade da vila.
Que hai detrás desa morea de cartos?
Por que alardeando de dispoñer de todos esos recursos, insisten en subir impostos porque non hai cartos?
Por que se tal mal están as cousas, acaba de aprobar outra subida do seu soldo?
Por que se se gastaron tantos cartos este ano, hai parroquias sen tv porque non se pode afrontar o gasto do material necesario para restablecer o servizo?
Se segundo se publica na páxina do Ministerio de Economía e Facenda (que calquera pode consultar), o goberno socialista leva seis anos aumentando a débeda municipal, so hai que contar cun dedo contra o outro e listo!
Así que a estratexia de presumir de números igual non é a máis axeitada, porque debaixo dos datos manipulados en redes sociais, a roña escondida debaixo, sae á superficie coa Conta Xeral, esa que vai a Facenda.
Así que xa sabedes, cando sintades que o aire comeza a perfumarse, metei ben o nariz e abride ben os ollos, porque o renegrido aparece sempre.
