Abanca vaise de Seixo, de Soutelo, de Moaña, de moitas vilas galegas onde é a única entidade presente, deixando sen servizo a moita xente. Abandona e deixa desamparado o rural galego.
Abanca quere marchar de Seixo a pesares das bágoas da nosa alcaldesa, que chora como Boabdil a perda da sucursal e suplícalle unha última gracia ao Sr. Escotet. Como fai o Sr. Cubela, alcalde de Cerdedo-Cotobade, que tamén chora desconsolado pola sucursal de Carballedo.
Os alcaldes do PP choran despois de que este partido liquidara as caixas galegas para poñelas en mans privadas. Agora é unha entidade con beneficios millonarios grazas aos aforros dos galegos e galegas.
Presente en todas as vilas e cidades case como única alternativaen moitos pobos. Abanca, ese agasallo ao amigo venezolano da rede financeira mais importante da Galiza, decide deixarnos sen sucursais onde pagar recibos, cobrar cheques, facer ingresos, cobrar a pensión…
E para compensar ese sacrificio os bancos van ser agasallados subvencionándolles os gastos dos caixeiros que van substituír as sucursais pechadas. Un negocio redondo, mais non para nós. Para o pobo galego un atraco a man armada apadriñado polo PP.
Non é nada novo, xa o viñanfacendo a maior parte das entidades bancarias nos últimos anos. Fusionarse, fechar sucursais, despedir persoal e reducir horarios e cobrar comisións abusivas para que á xente non lle quede máis remedio que ir á banca electrónica e aos caixeiros.
O sector bancario actúa con prepotencia e chulería maltratando a súa clientela. Onde se viu ter que pagar por deixarlles os cartos aos bancos para que con eles fagan negocio prestando e investindo. Estanse facendo de ouro a conta nosa coa complicidade de gobernos, independentemente da cor destes, e institucións como o Banco de España que permiten e amparan a estes voitres.
Bancos e eléctricas os novos señoritos latifundistas.
Así funciona España. Os bancos e as eléctricas son os novos señoritos latifundistas que pasean a cabalo mentres traballamos as súas terras. Por que banca e eléctricas van da man facendo e desfacendo con total impunidade.
Poden poñer comisións abusivas, poden subir até o infinito o prezo da electricidade. Poden permitirse incluso ter un Ministro de Consumo que se di comunista no goberno máis progresista da historia de España.
Non pasa nada xa teñen aos medios para facernos comprender que o problema de España son os Jordis, os indultos, os nacionalismos separatistas ou o mal que xoga a selección española de fútbol. Gol no campo, paz na terra.
E na Galiza colonial (Sí, Galiza é unha colonia).
Na Galiza estesseñoritos campan libremente coa colaboración inestimábel do Partido Popular, que utiliza a Xunta como instrumento para o espolio financeiro do noso país e dos nosos petos, e como cómplicenecesaria na nova pandemia eólica que vai arrasar cos nosos montes.
O Sr. Feixoo fixo todo o posíbel por liquidar as caixas de aforro galegas forzando a súa fusión para despois vendelas por un prezo miserábel ao Sr. Escotet. E non contento con iso vai permitir que Abanca implante a primeira universidade privada en Galiza para maior gloria do ensino privado e privatizado.
Alberto estase gañando a pulso un posto en calquera consello de administración de Iberdrola, Greenalia, Ence ou Abanca. Acollerano cos brazos abertos como pago polos favores prestados. Mentres a nosa alcaldesa terá que mendigarlle a Abanca que non abandone Seixo.
Marín, 1 de xullo de 2021.
Veciño de Marín e traballador do Sergas.