Tui aproba en pleno, por unanimidade, a moción para a regularización das persoas migrantes que xa foi aprobada en Tomiño, O Rosal e A Guarda

Auto organización Tui

A iniciativa é promovida polo movemento estatal #RegularizaciónXa despois de conseguir as 500 mil sinaturas necesarias para poder levar esta proposta de lei ao Congreso

Tui, 1 de decembro de 2023.

A corporación municipal do Concello de Tui ven de aprobar en pleno e por unanimidade, unha moción de apoio á Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) para a regularización das persoas migrantes en situación administrativa irregular en España. A iniciativa conta tamén co apoio da maioría de Concellos do Baixo Miño, entre os que se atopan Tomiño, O Rosal e A Guarda.

Ademais, ata agora tamén foi aprobada por máis dunha vintena de municipios galegos e españois, como Santiago de Compostela, Ferrol, Vilagarcía, Barcelona ou Lleida.

No caso do Concello de Tui, a moción foi defendida polas concelleiras do BNG a instancia da Plataforma impulsora da ILP, quenes explicaron as orixes e razóns da iniciativa, facendo fincapé na necesidade de dar unha solución extraordinaria pola vía legal á situación irregular na que viven en España arredor de 500.000 persoas na actualidade. “A irregularidade é unha condena á explotación laboral, a invisibilidade ante as institucións, a desprotección xurídica ou a exclusión de facto de servizos públicos esenciais como a educación e a sanidade”, afirmaron. “Coa regularización non só se outorgarían dereitos fundamentais ás persoas migrantes, senón que se permitiría aflorar unha grande contribución económica e fiscal para a sociedade no seu conxunto”, engaden dende a Plataforma impulsora da Iniciativa.

A ILP nace do movemento #RegularizaciónXa, integrado por decenas de colectivos e redes migrantes organizadas, e entidades sociais e políticas de diversa índole, que conflúen baixo o obxectivo común da regularización extraordinaria.

Con 700 mil sinaturas recollidas, trátase da ILP que máis apoios acadou en toda a historia da democracia española, abrindo unha nova etapa de incidencia política nos próximos meses, que incluirá non só a aprobación de novas declaracións institucionais de apoio, senón tamén outras accións que sensibilicen os deputados e deputadas, ademais de seguir ampliando o respaldo social á nova medida.