Tomiño pon a disposición do alumnado os recursos informáticos da Aula CeMIT para acceder a contenidos educativos

Curso informática Concello de Tomiño A Nova Peneira

Neste espazo os rapaces e rapazas terán dispoñibles 5 ordenadores, en horario de 11.30 a 14.00 de luns a venres, contando ademais coa tarde dos martes, de 17.00 a 20.00 

Tomiño, 9 de xuño de 2020

O Concello de Tomiño, a través do Servizo de Educación e Apoio ás Familias, pon a disposición do alumnado de Primaria e Secundaria os recursos informáticos da Aula CeMIT, co obxectivo de ofrecer unha atención específica aos nenos, nenas e adolescentes escolarizados nos diferentes centros do municipio, debido ás dificultades e necesidades que provoca a situación excepcional da crise do Covid-19.

O devandito servicio municipal toma esta decisión logo de comprobar “grandes atrancos en varias familias para acceder aos contidos educativos a través das ferramentas informáticas e internet, ben porque non dispoñen dos equipamentos necesarios, ben porque hai zonas que non teñen cobertura ou o sinal non é o suficientemente nítida, o que incrementa a desigualdade na adquisición e aproveitamento do material educativo”. 

Para mitigar esta desigualdade e acortar os tempos na disposición dos servizos, propoñemos un espazo físico que conta con ordenadores e impresora (aula CeMIT).

Neste espazo os rapaces e rapazas terán dispoñibles 5 ordenadores, en horario de 11.30 a 14.00 horas de luns a venres, contando ademais coa tarde dos martes, de 17.00 a 20.00 horas. Cada ordenador será utilizado por un alumno/a en cada quenda, acompañado/a por un tutor, durante un tempo máximo de dúas horas. 

O método para reservar unha quenda será chamar directamente ao teléfono da aula CeMIT (986-623304)ou enviar un e-mail (cemit.tomino@xunta.gal),indicando nome e apelidos, curso e centro educativo.

O servizo de ordenadores será utilizado exclusivamente para acceder aos contidos educativos e completar ou entregar as tarefas necesarias que se indiquen desde os centros escolares. 

Esta iniciativa porase en marcha desde xa, para axudar a completar o vixente curso, e tamén servirá para comprobar a demanda e o manexo dos equipos telemáticos, e así anticipar posibles necesidades de cara ao vindeiro curso escolar. 

En caso de que a familia carecera de recursos ou non puidese trasladar ao seu fillo ou filla até a Aula CeMIT, sita no Campo da Feira de Tomiño, e fose necesario o uso de transporte público, o Concello valorará a posibilidade de abonar o desprazamento en autobús, realizando unha solicitude previa.