Os veciños expresan o seu malestar pola confusión existente cos novos horarios e rutas e a dificultade para acceder á información
Baixo Miño, 29 de decembro de 2020
A Mancomunidade do Baixo Miño amosa o seu malestar pola falta de información da Xunta de Galicia no referido ao inicio da nova concesión de transporte público na comarca. A complexidade da páxina ofrecida polo ente autonómico para informarse das novas rutas e horarios resulta flagrante, especialmente para a xente maior que emprega o servizo.
Xa son varios os veciños que transmitiron as súas queixas logo de estar esperando na súa parada debido ao descoñecemento dos novos horarios e á confusión que xera a deficiente información que se lles ofrece, dada a inexistencia de folletos nin outro tipo de material informativo nas estacións de autobuses nin nas paradas.
A información só é accesible para o público de xeito online, o que non ten en conta a fenda dixital que padecen boa parte das persoas que empregan o servizo. Mesmo así, se un usuario quere informarse a través do sitio web da empresa concesionaria, Lugove, este só verá unha mensaxe que o informa de que o sitio web se atopa en construcción. O único xeito que a Xunta de Galicia ofrece para coñecer as novas rutas e horarios é mediante a web bus.gal. Esta só ofrece uns documentos descargables que presentan unha complexidade manifesta na estrutura na que aparecen organizadas as liñas e horarios, convertendo o acceso á información dos usuarios nunha experiencia insatisfactoria.
Con respecto á nova organización do transporte, desde a Mancomunidade valoran positivamente que se tivesen en conta no novo plan algunhas das alegacións presentadas pola entidade o pasado ano, como por exemplo a diminución do prezo dos billetes ou o aumento de frecuencias cara o Hospital Álvaro Cunqueiro e o CUVI. Non obstante, consideran que desde a Xunta non se están solucionando os problemas que impiden que a comarca estea ben comunicada, especialmente no que se refire á cuestión das frecuencias, onde hai unha diminución clara nalgunhas liñas, especialmente no horario de mañá.
Asemade, a petición de ofrecer unha solución para que alumnado do IES da Sangriña procedente doutros concellos puidese ir ao centro escolar cumpriuse só parcialmente, dado que os residentes de moitas zonas da ribeira do Miño non poderán acceder a este servizo pola incompatibilidade existente entre as liñas que cubren estes territorios e o horario escolar. Ademais, tamén se detectan eivas en moitas das liñas circulares, onde as frecuencias son moi insuficientes, o que impide que moita xente que as emprega para poder facer xestións nas vilas logo non teña xeito de volver.