‘Voces Novas’ deixa de novo a súa pegada no Consello Autonómico de Participación Infantil e Xuvenil

‘Voces Novas’ deixa de novo a súa pegada no Consello Autonómico de Participación Infantil e Xuvenil

A representante de Tomiño, Irene Pereira, participou este xoves na segunda reunión deste órgano que busca xerar un novo espazo de participación e encontro entre infancia e mocidade galega

Tomiño, 22 de xuño de 2023.

A mocidade tomiñesa volve deixar a súa pegada no Consello Autonómico de Participación Infantil e Xuvenil. Irene Pereira, unha das integrantes do Consello da Infancia e Adolescencia de Tomiño, ‘Voces Novas’, participou este xoves na segunda reunión deste órgano autonómico que busca xerar un novo espazo para que nenos, nenas e mocidade poidan expresarse, propoñer ideas e formar parte activa da toma de decisións en temáticas que lles afectan de forma directa.

Este consello autonómico está composto por 30 representantes das nenas, nenos e adolescentes de toda Galicia que ao longo do ano celebran varias reunións para abordar diferentes temáticas de calado autonómico e poder poñer sobre a mesa propostas de mellora.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, destaca “a importancia de que a infancia e a mocidade tomiñesa poida propoñer, idear, debater… e ter voz e voto nunha iniciativa que pode marcar as pautas das políticas relacionadas coa xuventude e a infancia a nivel galego”.

O Concello de Tomiño foi pioneiro na participación e implicación de infancia e mocidade nas políticas municipais, o que permitiu ser un dos primeiros municipios galegos en ser galardoados como ‘Concello Amigo da Infancia por UNICEF. Este recoñecemento é froito do traballo continuo realizado para promover a participación activa de nenas, nenos, mozas e mozas na toma de decisións que afectan ás súas vidas, garantindo un ambiente inclusivo e favorable para o seu desenvolvemento.