Falaba hai uns días cun amigo e compañeiro de estudos, que tamén exerceu toda a vida a docencia e anque arredado de Galiza segue a estar preocupado pola situación do idioma. Comentaba nun escrito que saíu o informe Pisa e todos quedaron compunxindo e lamentando o resultado. Era sabido, moitas veces non se quere ver. As crianzas aprenden pouco do desexado, fallaron de pleno os programadores institucionais e da Xunta, quen llelo había dicir, eles tan aprendidos. Tamén andan no allo os inspectores circunspectos que non quixeron ver nin oír que, entre outras cousas, sobran papeis e falta vontade de servizo e esforzo. A tarefa educativa ten moito de sosego e calma, de aprendizaxe demorada nas dificultades, de afirmar contidos. Están ancorados nas rutinas e o mundo cambia a velocidades de risco. Non souberon dar solucións. Sempre que pasa igual, pasa o mesmo, dicía un tolo! E canta razón tiña! Tampouco lles funcionou iso do “plurilingüísimo”, que non deixa de ser un farol que se tiran e que alivia biles, pero non aprende a ler, a interiorizar, a entender e expresar, a comprender sobre do lido nese novo mundo externo. Descúlpanse coa senrazón de que querían innovar e tapar así a súa clásica torpeza para saber que facer, coa falta de sentido común e de tacto. Enchéronse a boca co inglés e outras imposicións que non levaron a ningún porto fiable. Non souberon seducir e priorizar, ser xenerosos co entorno e co que temos diante dos ollos. Os resultados está aí e ben se ven. Falta de lectura comprensiva, falta de cálculo matemático, falta de todas esas linguaxes que realmente nos fan posuidores de entendemento e capaces de explicar posteriormente os soños.
Comentaba na súa misiva, o meu compañeiro de estudos, e desde lonxe atinaba a dicir que non hai que ser moi intelixentes, a escola leva moitos anos sendo campo de batalla ideolóxica dos que aínda buscan rendibilidades procaces. Ao final, buscan votos e xa se sabe, aquí hai moito colonizado metido a colonizador que pensan que é cuestión de obrigas. E non lles é así. Esquecen o sosego, o ritmo lento da aprendizaxe, o respecto cara ao profesorado que todos os días ten unha difícil tarefa por desenvolver e onde se meten todos a dar leccións de ética e moral, tan botadas en falta. “As reformas educativas levan moitos anos de fracaso, sen realismo e convertendo a escola nese lugar de pequenos guetos asistenciais que, sen medios para superar as desigualdades, cubre moitos informes e papeis, certifica o xa certificado e enreda lonxe das necesidades reais dunha sólida formación”. Vendéronse ao modernismo da multi-función, do plurilingüísimo co acento que banaliza o propio. Caeulles enriba a multi-culturalidade con nenos romanos, ucraínos, marroquís, …e alá foi o proxecto! Buscan os votos de carcas, de “Hablamos Español” e a señora Lago, que banalizan o delito contra a Lingua na contorsión de converterse en colonizadores, sen mirarse no espello. Unha mágoa, mais todo suma!
Seguiamos estando no tema o meu amigo e mais eu. De acordo tamén en que esqueceron, xa ven que cafres, o propio idioma e trátano -agora con outras conivencias psoísticas entremetidas no erro- como se fose un idioma máis do currículo. Dándolle un espazo matemático que eles cren, pobres diaños, e non saben nin queren saber que hai cousas que non se miden por cuartas, nin por metros. Non queren entender, este non é un idioma máis, é o Noso, o propio, o único que ten que recuperarse despois de séculos de ignominia e omisión, de maltrato en tantas ditaduras concatenadas no desprezo e contubernio -que, polo visto, aínda duran. Que o Noso Idioma aínda o teñen moi ferido e descoidado. Sabendo que é o idioma que non se pode en ningún caso obviar, nin se debe arredar no dominio comunicativo. Estamos en Galiza e o Galego é o noso idioma de dignidade. Non hai rebaixas! O noso idioma non é un idioma máis no cómputo dos seus repartos!.
Ben sei que diso saben pouco e que sofre o acoso dunha certa burguesía escasa e presuntamente culta, mais precisa desa empatía necesaria coa cordura. É o idioma, non coma os outros, este é o noso e hai que amalo. Con el ser xenerosos e abondar en trazados valentes. É a alma de todo canto somos e representamos, no mapa do mundo. Precisa impartirse con amor e múltiples afectos, non só a quen o recibe, tamén e antes de nada ao mesmo idioma.
E van 200 números de A Nova Peneira. Mirade por onde este mesmo artigo podería ter escrito no primeiro dos tempos. Aínda estamos aquí, reivindicando o dereito ineludible de falar en propiedade o Noso Propio Idioma, na nosa Casa! Celebro a resistencia dos que amamos o Noso desde os foros que están a facer esta fortaleza sen renderse. Celebraremos moitos máis números, mentres poidamos aguantar. E debo expresar a miña vergoña pola actitude daquela xente que non sabe máis que de votos, sendo devotos da súa ignorancia en temas educativos, de orgullo e de honra propia, de humanidade.


