Marta Gómez Secretaria Xeral de Galiza Nova

Marta Gómez Secretaria Xeral de Galiza Nova

Natural de Pontevedra e Graduada en Ciencias do Mar, Marta foi escollida en setembro do 2021 Secretaria Xeral de Galiza Nova, a organización das mocidades do BNG. Ela é unha muller lúcida que defende as súas ideas con vehemencia e paixón, e que desminte , tanto na súa praxe persoal como na súa concepción intelectual, con rotundidade a falacia de que a súa é unha xeración desinteresada dos asuntos públicos en xeral e da política en particular. Nós falamos con ela .

No noso país hai 80.000 mozos e mozas con traballo e soldo que non se poden permitir independizarse”

Lembras cal foi o motivo que che levou a estudar a carreira que estudaches?

A verdade foi de rebote. Eu quería ser veterinaria pero non me deu a nota para poder entrar.

Presumo que che gustan os animais?

Si, claro, pero fíxate estudando a miña carreira deime de conta de que a casualidade levoume ao que é a miña verdadeira vocación. A carreira en verdade encantoume.

Algunha vez puideches traballar en algo relacionado cos teus estudos?

Non, de momento só fixen as prácticas tanto da carreira como do mestrado. Non traballo en nada relacionado co meu campo profesional porque me dedico a Galiza Nova, non por outro motivo. O que non quere dicir que as persoas da miña xeración non teñamos unha situación moi complicada para atoparmos traballos dignos e de calidade.

Como e cando se iniciou a túa relación coa política?

Case desde que nacín. Fíxate; á manifestación do 25 de Xullo vou desde que teño 1 ano. Nacín no 97 e desde o 98 non perdín nin unha soa.

Entendo que xa tes antecedentes na familia?

Si, o meu pai é militante do nacionalismo.

Como foi o proceso que che levou no ano 21 a presentares a túa candidatura á Secretaría Xeral de Galiza Nova?

Xa levaba 3 anos sendo responsable comarcal de Galiza Nova en Pontevedra e un par deles formando parte da comisión permanente. As cousas foron fluíndo e non foi tanto unha decisión miña, como da permanente saínte de propoñerme, e eu asumir a responsabilidade de aceptar.

E cales foron os teus sentimentos naquel momento?

Unha ilusión enorme, algo de vertixe tamén, e sobre todo un inmenso sentimento de responsabilidade.

A túa non foi a única candidatura naquel proceso, houbo outra que se tamén se presentou. Como están as relacións cos seus representantes?

Tal como determinan os nosos estatutos, eles teñen o número de postos na nosa executiva que lles corresponde en función da porcentaxe de votos que recibiron. E non temos o máis mínimo problema. Traballamos como o que somos, un único equipo.

Como valoras estes case dous anos como máxima responsable da mocidade do BNG?

Valóroos de maneira moi positiva, seguro que cometemos erros pero creo que a valoración global é boa. Tiramos campañas novas que tiveron impacto.

Por exemplo?

A campaña de inicio do curso pasado “ o galego vai contigo”, na que tratamos de explicar como é a relación da mocidade co noso idioma, ou a campaña sobre a saúde mental…..Outro aspecto que me fai sentir especialmente orgullosa é que , case 500 mozos e mozas de Galiza Nova tiveran formado parte das listas do BNG nas pasadas eleccións municipais, dos que se non me equivoco, falo de memoria, 40 son agora concelleiros e concelleiras.

Ese dato que achegas, realmente relevante, desmentiría unha importante tendencia de opinión que trata de minusvalorar á mocidade actual como se fose unha xeración que carece de interese nos acontecementos sociais e políticos?

Son consciente da existencia desa opinión sobre a nosa xeración, pero dígoche con rotundidade absoluta que non responde á realidade. A nosa é unha xeración comprometida e preocupada, e se se lles facilita a información e as ferramentas adecuadas, pode chegar a implicarse exactamente igual que o fixeron as xeracións anteriores.

A min preocúpame moito a situación do galego na túa xeración, pois as porcentaxes de mozas e mozos que o falades son moi pequenas. A situación do noso idioma é reversible?

A situación é moi difícil pero eu quero crer que é reversible. É que ten que selo, e o vai ser .O idioma galego é un sinal de identidade esencial do noso pobo e a batalla polas 1.000 primaveras máis para a nosa lingua ímola gañar.

Cales son os principais problemas que ten a mocidade galega?

O emprego e a vivenda. Nós en canto a estes dous asuntos esenciais, defendemos a elaboración dun plan de emprego xuvenil que realmente garanta a inserción laboral da mocidade galega con salarios dignos. A día de hoxe hai 80.000 mozos e mozas que teñen un soldo todos os meses e que non se poden permitir independizarse. E por outra banda unha promoción suficiente de vivenda pública que teña en conta á mocidade como un axente social prioritario.

En breve teredes un congreso para a renovación de órganos. Vas presentar de novo a túa candidatura á Secretaría Xeral?

Se a dirección saínte considera en distinguirme coa súa confianza, si , si que me vou presentar. Estou moi ilusionada e con gañas de seguir traballando.