Milleiros de persoas na defensa dos dereitos da clase traballadora, da paz no mundo e da fin das agresións do imperialismo.
Un ano máis as rúas da cidade viguesa viviron un primeiro de maio no que ducias de milleiros de traballadoras e traballadores volveron mobilizarse na defensa dos seus dereitos. Nun xoves soleado e de agradable temperatura primaveral, as distintas centrais sindicais amosaron o seu poder de convocatoria en 3 manifestacións diferentes.
Ás 11:00 saía a CUT , a máis madrugadora, que encabezaba o seu secretario xeral Ricardo Castro. Ás 11:30 a manifestación conxunta de CCOO-UGT iniciaba o seu percorrido. Nesta manifestación estiveron presentes o alcalde de Vigo, Abel Caballero, e o Secretario Xeral do PSdeG, Jose Ramón Gómez Besteiro. Amelia Pérez e Cristóbal Medeiros, máximos responsables de CCOO e UGT en Galicia, centraron as súas intervencións na defensa dos dereitos adquiridos e no combate contra a sinistralidade laboral.
E ás 12:00 comezou desde o cruce da Dobrada a manifestación da CIG, a máis numerosa das 3, que congregou, segundo fontes da central sindical nacionalista, a participación de arredor de 20.000 persoas. A concentración da CIG contou coa presenza de destacadas figuras do nacionalismo galego como Xabier Pérez Igrexas, voceiro do BNG na cidade olívica, ou Néstor Rego, deputado do bloque no parlamento do estado español. O SX da CIG Paulo Carril referiuse na súa intervención á oposición da central sindical a calquera clase de agresións imperialistas, e na crítica ao gasto militar como unha forma de perpetuar a explotación da clase traballadora. A central sindical nacionalista reivindicou igualmente a soberanía do pobo galego dos seus recursos naturais, laiándose de que sendo o noso un país que exporta enerxía eléctrica a outras zonas do estado, fose o último en recuperar o subministro eléctrico no recente apagamento do 28 de abril.
Nós manifestamos o noso respecto máis escrupuloso a todas aquelas persoas que acudiron a calquera das 3 manifestacións, e afirmamos unha vez máis a nosa posición de que o sindicalismo de clase desde a base é a mellor garantía de facer fronte con posibilidades de éxito á voracidade criminal do capital.
A continuación ofrecémoslla a máis completa reportaxe fotográfica das 3 manifestacións da cidade viguesa.





















