Valadares é unha das parroquias máis extensas do Concello de Vigo, un territorio de máis de 12,92 quilómetros cadrados situado ao sur do municipio, na vertente leste do monte Alba. Pero Valadares é moito máis ca unha extensión de terreo: é unha parroquia cunha longa memoria, cun importante patrimonio rural e cunha vida veciñal que segue sendo un dos seus principais sinais de identidade.
Valadares é un val en altura, cunha altitude media de 240 metros sobre o nivel do mar, rodeado polos montes Alba, Cepudo e Galiñeiro, que separan o Val do Fragoso do Val do Miñor. A altitude vai dos 115 metros dos Cañotais aos 525 do Cepudo. Precisamente o carácter accidentado do territorio fixo que no seu momento se desbotase a posibilidade de construír aquí un campo de aviación, proposta polo aviador lalinense Xoaquín Loriga.
A parroquia limita con Gondomar e Nigrán e, dentro do termo municipal de Vigo, con Coruxo, San Andrés de Comesaña, Matamá, Beade e Zamáns. Os seus barrios son Carregal, Portal, Igrexa, Barrocas, Sobreira, Garrida e Freixo, aos que se suma Seoane, antigo núcleo de poboación que co tempo quedou ligado habitualmente á Garrida.
Unha historia que vén de lonxe:
As referencias documentais a Valadares remóntanse polo menos ao século XIII. En 1341, Pedro Fernández de Castro, Pertigueiro Maior da terra de Santiago, fundou tres capelanías na Catedral de Santiago e dooulles, entre outros bens, o couto de Valadares. Posteriormente, en 1489, a parroquia aparece como dependente de Santa Mariña de Vincios.
A historia de Valadares tamén está ligada ao marquesado do mesmo nome, creado en 1673 a favor de Luís de Valladares Meira e Sarmiento. Os libros parroquiais acreditan a existencia da parroquia como tal desde 1687. Valadares mantivo ademais a condición de vila ata a reforma territorial de 1837, cando pasou a integrarse no municipio de Lavadores, antes da súa incorporación definitiva ao Concello de Vigo.
A súa forma de vida estivo tradicionalmente vinculada ao mundo rural. Valadares foi unha das parroquias que contou cun maior número de carros do país, empregados para transportar millo, pedra e outros produtos cara á cidade. Hoxe os tractores substituíron aqueles carros e practicamente xa non quedan parellas de bois, pero a pegada daquela vida campesiña permanece na parroquia.
Hórreos, muíños e paisaxe:
O patrimonio etnográfico é unha das mellores expresións desa maneira de vivir no pasado do rural. Hórreos, fontes, lavadoiros, muíños e casas labregas forman parte dunha paisaxe construída durante xeracións. A importancia que tivo o cultivo do millo explica a existencia de máis dun cento de hórreos con máis de cen anos de antigüidade.
A parroquia dos muíños:

Algúns destes muíños levan máis dun século moendo e mantiveron sistemas de propiedade baseados nos herdeiros e nas quendas de uso. O conxunto das Maquías, situado preto do encoro de Zamáns e integrado no itinerario do sendeiro GR-53, foi restaurado polo Concello e chegou a acoller unha unidade didáctica sobre a tradición do pan.
A paisaxe complétase cos montes e parques forestais. O Cepudo e Os Pozos contan cos seus respectivos parques forestais, con miradoiros desde os que se poden contemplar as praias de Vigo, Toralla, Baiona e Nigrán, así como as illas Cíes, Rande ou o Morrazo. Son espazos de lecer, pero tamén unha mostra do valor ambiental e paisaxístico da parroquia.
Unha parroquia viva:
O movemento asociativo de veciños e veciñas xira ao redor do Centro Veciñal e Cultural de Valladares, cuxa historia comezou hai máis de corenta anos, coa aprobación dos seus estatutos e a constitución da primeira directiva o 20 de xaneiro de 1971, cando aínda recibía o nome de Teleclub C.C.A.R.-Valladares.
Desde entón, o centro foi ampliando as súas áreas de actividade: veciñal, cultural, igualdade, terceira idade, deportes, xuventude, festas e saúde. Un espazo pensado para dar resposta ás diferentes necesidades da parroquia e, sobre todo, para favorecer a participación.
O deporte ocupa un lugar destacado. Fútbol, fútbol de veteranos, fútbol sala, patinaxe artística sobre rodas ou cachibol forman parte dunha actividade que abrangue diferentes xeracións. Tamén houbo iniciativas como o balonmán ou un club cicloturista. Hoxe, nenos e nenas de distintas idades adestran no campo de fútbol ou no pavillón, garantindo a continuidade dunha tradición deportiva.
Club Deportivo Valladares:
Naceu en 1923, o mesmo ano no que se fundou o Real Club Celta de Vigo. A súa creación estivo ligada aos movementos deportivos e sociais que se estaban producindo naquel momento na cidade e na parroquia, nun proceso no que tiveron un papel destacado Generoso Álvarez Troncoso e Sabino Piñeiro Pérez.
Desde aquela, o fútbol foi moito máis ca unha actividade deportiva. Foi un espazo de encontro entre xeracións e unha das ferramentas que contribuíron a reforzar o sentimento de pertenza á parroquia. Hoxe esa tradición continúa cunha escola que abrangue practicamente todas as idades: biberóns, prebenxamíns, benxamíns, alevíns, infantís, cadetes e xuvenís, ademais do fútbol feminino. A presenza diaria de nenos e nenas no campo de Valadares e no pavillón é tamén unha garantía de futuro para o deporte local.
A radio como voz da parroquia:
Nese mesmo espírito de participación naceu Radio Valladares, unha das iniciativas máis singulares do Centro Veciñal e Cultural. A emisora, que comparte o dial 106.1 FM con Radio Piratona, comezou a tomar forma en xullo de 2016. Sara foi a pioneira do proxecto e xornalista de formación, incorporouse Yoli, formada en publicidade e con experiencia nunha radio comunitaria no Perú e Nuria, tamén xornalista.
A idea tiña unha finalidade clara: achegar o Centro Cultural á veciñanza. Nunha parroquia cunha importante poboación maior, non todas as persoas teñen facilidade para desprazarse ata o centro. A radio convertíase así nunha ferramenta para levar información, participación e compañía ás casas.
San Campio, a festa que reúne a toda a parroquia:
Se hai un momento no calendario no que ese espírito dun pobo se fai especialmente visible é nas Festas de San Campio celebradas na última fin de semana de agosto. Son as festas patronais de Valadares e unha das grandes celebracións do rural vigués. O Concello de Vigo destaca precisamente San Campio entre as actividades que amosan o dinamismo social e cultural da parroquia.
Non é simplemente unha festa relixiosa. Ao redor da celebración do patrón articúlase un amplo programa no que teñen cabida a música, o folclore, o deporte, as actividades infantís, as carrozas e as verbenas. A programación de 2026, por exemplo, estendeuse durante unha semana, do 26 de agosto ao 1 de setembro, cunha presenza moi importante das agrupacións da propia parroquia.
Destacar o certame de bandas de música, que xa chega á súa cuarta edición. Pero xunto ás bandas aparecen tamén as charangas, a Unión Musical de Valadares, a Coral Polifónica do Centro Cultural, o grupo de gaitas Aturuxo, os grupos de baile Amieiras e Ledicias, as Cantareiras do Alba ou os acordeóns Cataventos. É dicir, unha parte importante da propia cultura da parroquia ten presenza activa nas festas.
E hai unha tradición especialmente querida:as carrozas dos barrios. Sobreira, Garrida e Freixo son protagonistas dun desfile que converte as rúas nun espazo de convivencia e rivalidade festiva entre os diferentes núcleos da parroquia. A tradición continúa viva e, en 2026, as carrozas volveron percorrer Valadares durante a xornada do luns de San Campio.
O deporte tamén está intimamente ligado a estas celebracións. O Torneo de Futbito de San Campio e o Interbarrios levan máis de corenta anos formando parte do verán de Valadares. A competición naceu en 1983 por iniciativa dun grupo de veciños que quería manter vivo o fútbol no Adro e acabou converténdose nun punto de encontro para xogadores, familias e veciñanza.
As noites, pola súa banda, teñen na verbena outro dos seus grandes reclamos. En 2026 pasaron polo escenario formacións como París de Noia, Assia, Funçao Publika, Salsarena, Los Players, Olympus, Banda Gaudí ou Kubo. Pero, máis alá dos nomes das orquestras, o importante é que o campo da festa se transforma durante varios días no centro da vida social da parroquia.
A Rondalla de Valladares:
A Rondalla de Valadares ten unha longa historia. Xa existía unha agrupación antes da Guerra Civil e, despois de diferentes intentos, a tradición recuperouse con forza a partir dos anos setenta, vinculada ao antigo Teleclube e coa colaboración de músicos da Banda de Valladares. Desde entón, a música das rondallas forma parte do calendario cultural da parroquia. Cada Nadal, despois de meses de ensaios, os seus integrantes percorren diferentes localidades da contorna e participan nos certames de rondallas. En 2026, a formación do Centro Veciñal e Cultural de Valladares participou no VIII Certame de Rondallas da cidade, nun encontro que reuniu agrupacións de diferentes parroquias viguesas e localidades da área metropolitana.
O entroido:
O Entroido ten tamén unha protagonista propia: a Comparsa de Valladares. A súa historia está intimamente ligada ao Centro Veciñal e Cultural e á tradición participativa da parroquia. As súas saídas lévana cada ano por diferentes localidades, pero tamén polos propios barrios de Valladares, facendo do Entroido unha celebración compartida por toda a veciñanza. Hai xa unha ampla experiencia detrás desta comparsa, ata o punto de que o Centro Cultural decidiu, desde 2009, pasar de participar unicamente nos concursos a colaborar tamén na organización da programación do Entroido.
A comparsa deixou ademais pegada no Entroido vigués. En 2005, a formación Colón é noso, de Valladares, conseguiu o primeiro premio do concurso de comparsas da cidade cunha proposta na que participaba un numeroso grupo de persoas caracterizadas como indíxenas e conquistadores.
Pero máis alá dos premios, o importante é todo o que hai detrás: meses de preparación, ensaios, deseño dos disfraces, organización das saídas e, sobre todo, a participación de persoas de diferentes idades. A comparsa converte así o Entroido nunha actividade de comunidade. Unha tradición que, ademais, non parece querer quedar limitada ao inverno: nos últimos anos o Centro Veciñal impulsou tamén un Entroido de Verán, unha noite de disfraces, música e festa que en 2026 celebrou xa a súa terceira edición.
Esta parroquia é un lugar que conserva a memoria dos muíños, dos hórreos e dos carros; que mantén vivo o deporte e a convivencia; que crea medios propios como Radio Valladares na que reivindicando mellores servizos para o rural; que organiza festas e actividades e que segue O monte Alba, os Pozos, os muíños, as andainas, as festas de San Campio ou a romaría da Alba son algúns dos lugares e momentos que convidan a coñecer Valladares. Pero por riba de todo está esa veciñanza que as propias protagonistas definen como activa, participativa, solidaria e amigable.

