Vídeo Club Krypton de Vigo, o último vídeo club da cidade olívica

Krypton

Os que vivimos a nosa adolescencia nos anos 80 so século pasado lembramos que case en cada barrio das cidades e vilas galegas había un sector de negocio cunha extraordinaria puxanza:os vídeo clubs. Non diría que naquel tempo era tan doado atopar un vídeo club como un bar para tomarse unha cervexa pero, aínda que á mocidade actual lle poida parecer estraño, non andaba moi lonxe. O nivel de clientela que iamos a eses locais era tan numeroso que as empresas do sector emitían tarxetas de socios e socias con descontos e promocións frecuentes en función do número de películas que se alugase. O meu pai e a miña nai chegaron a estar asociados a tres vídeo clubs diferentes. Recordo con moito cariño aquelas interminables sesións de películas no vídeo Beta familiar, que tantos momentos de felicidade deu na nosa casa, os venres e sábados pola noite despois de interminables visitas aos tres locais de alugueiro dos que eramos clientes. O primeiro vídeo club chegou ao estado español en 1980, foi o vídeo cub de España de Madrid. Nas dúas últimas décadas do século XX chegaron a existir por milleiros. Foi a principios do 2000, cando se comezou a xeneralizar a Internet, o momento en que se empezan a notar os primeiros indicios de baixada.

Os últimos datos da asociación nacional de empresarios grosistas do sector apuntan que no 2005 en España existían máis de 7.000 vídeo clubs e que no 2023, 18 anos despois, apenas quedan 300 en todo o estado. Porén cremos que os datos están un tanto desactualizados e que xa son algúns menos .Así por exemplo no territorio da provincia de Pontevedra, área de influencia de A Nova Peneira, figuran rexistrados 9 vídeo clubs con actividade. E algún dos que aparece xa pechou as súas portas. Que nós puideramos contrastar só 5 tendas de alugueiro de películas manteñen a súa actividade no territorio da Provincia de Pontevedra: 1 en Gondomar, 1 en Ponte Caldelas, 1 en O Grove, 1 en Lalín e 1 en Vigo. Nós quixemos coñecer ao propietario do último dos vídeo clubs que mantén abertas as súas portas na cidade máis poboada de Galicia e fomos ata o barrio das Travesas a conversar con Antonio Pombo, un home de 45 anos amable e cordial que, inmune ao desalento, mantén abertas as portas do vídeo club que fundou o seu pai hai xa case 40 anos.

Antonio Pombo:O último Mohicano

Cando abristes o vídeo club?

En 1986. 38 anos de vida co que xa os queda pouco para cumprir os corenta.

Di a canción que “20 anos non son nada” pero 38 vaia se son

Abofé que si o son. Nestes case 40 anos de vida pasaron tal cantidade de cousas , tal cantidade de cambios na sociedade que é un orgullo enorme poder seguir camiñando.

Quen abriu o negocio?

Abriuno o meu pai que tamén se chama Antonio. El é un grande afeccionado ao cinema xa desde hai moito tempo, e acabou facendo da súa paixón a súa forma de vida, e a miña tamén.

Nos anos 80 e 90 do século pasado o éxito do negocio foi moi importante?

Si, daquela este era un sector novo, claramente en expansión, e a cantidade de clientes que había era impresionante. A verdade é que foron uns tempos moi bos.

Dígoo como cliente que fun do teu negocio e doutros vídeo clubs tamén. Recordo que cando ía alugar algunha película o fluxo de clientes era inmenso

Si, si .Era así. E había moitas tendas como a nosa. Practicamente en cada barrio da cidade había un ou máis vídeo clubs.

Cando comezou a notarse a baixada?

Nos primeiros anos do Século XXI. A medida que se xeneralizaba o uso de Internet a demanda de películas en formato físico foi decrecendo.

E agora Antonio, no 2024, aínda hai xente que aluga películas?

Siii, si que hai. E clientes que me piden para comprar tamén. Aínda quedan moitas persoas ás que lle gusta coleccionar películas. A min gústame comparar o meu negocio coas tendas de discos. O perfil de clientes que temos é semellante.

Es un clásico Antonio

Ha ha ha ha. Si, penso que se podería dicir que si.

Pero na túa clientela tamén hai xente nova?

Si, tamén a hai. Teño clientes fieis de hai un feixe de anos e tamén os teño máis novos que , coma min, senten atracción pola películas en formato físico.

Es o único vídeo club que queda en Vigo?

Penso que si. Creo que os dous últimos que quedaban derivaron a outras formas de negocio.

Actualizas o stock de películas?

Si, claro que si. Eu traballo coas estreas. Vender vendo máis cinema clásico , pero para alugar o que me piden fundamentalmente é estreas. Eu tamén intento coller as películas que non saen nas plataformas.

E non é moi difícil acceder a películas que non saian nas plataformas?

Hai que estar pendente si, para cando haxa algunha oportunidade.

Vexo que vendes máis cousas que películas, non?

Si, diversifiquei algo o negocio e tamén vendo obxectos de regalo. Pero o forte para min segue a ser o cinema.

Que horario tes?

De 11:00-14:00 e de 17:00-22:00.

Descansas algún día?

Si, pero non é regular. Unha das poucas avantaxes de ser autónomo é que podo facelo cando quero.

É caro alugar películas?

Non, nin moito menos. Se é estrea son 2€ un día, e se é antiga polo mesmo prezo lévala tres días.

Imaxino que a xente devolve as películas que aluga?

Si, absolutamente. Antes si que tiñamos ese tipo de problemas, agora xa non.

Que tipo de películas teñen máis éxito?

As de acción e súper heroes.

Ti es novo Antonio. Aínda che quedan bastantes anos para xubilar. Tes pensado facelo co vídeo club?

Si, iso é o que pretendo.