O Concello mellora o Camiño do Outeiro en San Xoán de Tabagón

O Concello mellora o Camiño do Outeiro en San Xoán de Tabagón

Financiado con fondos propios e do Plan Marco, estas obras son un novo paso do Goberno municipal para a recuperación progresiva dos camiños rosaleiros

O Rosal, 26 de marzo de 2024

O Concello do Rosal dá novos pasos no seu plan estratéxico de recuperación dos camiños rurais do municipio co remate das obras de mellora do Camiño do Outeiro, en San Xoán de Tabagón, unha intervención coa que se pavimentou, asfaltou e limpou esta estrada que presentaba un importante deterioro polo desgaste de uso do tráfico de vehículo, os cambios de temperaturas e as roturas de instalacións existentes na propia vía.
Como destaca a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, estes traballos “forman parte do proxecto posto en marcha polo Concello para a transformación do municipio a través da mellora progresiva dos camiños rosaleiros, garantindo o seu mantemento e recuperación e comezando por aquelas zonas que presentan un maior estado de deterioro e que son empregados con maior frecuencia pola veciñanza”.
Tratouse dunha intervención nunha zona de especial sensibilidade patrimonial dada a proximidade da igrexa parroquial de San Xoán, así como da fonte-lavadoiro de Paradela. Nas proximidades do lavadoiro colocouse adoquín de granito para que o acabado resultara máis coidadoso con este elemento patrimonial e situáronse bandas redutoras para que os vehículos minoren a velocidade, mellorando a seguridade viaria na zona.
As obras supuxeron un investimento de máis de 50.200 euros financiados con fondos propios e a través do Plan Marco de mellora de camiños municipais 2023-2024 da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER).