Galiza Nova renova a súa dirección política na súa XVII Asemblea Nacional

Votación Galiza Nova

A organización xuvenil do BNG reuniu a 200 persoas nunha sesión de clausura na que tamén estivo presente a portavoz nacional do BNG.

Santiago de Compostela, 2 de decembro

Este sábado 2 de decembro tivo lugar a XVII Asemblea Nacional de Galiza Nova no Centro Social de Santa Marta, unha xuntanza na que a organización xuvenil do BNG congregou a militantes de todo o país e na que Marta Gómez foi reelixida como Secretaria Xeral cun 90% dos votos.

Nesta asemblea, a organización xuvenil definiu os seus posicionamentos políticos e liñas de traballo para os vindeiros dous anos, así como elixiu á nova Dirección Nacional que cualifican de “absolutamente renovada e con todas as enerxías para seguir facendo de Galiza Nova a organización de referencia da mocidade galega”; unha única candidatura que conxuga a experiencia con caras novas e na que contan con representación de todas as comarcas do país.

Durante a cerimonia de clausura, Galiza Nova manifestou a súa “absoluta solidariedade” coa loita do pobo Palestino, o rexeitamento contra os discursos fascistas e da ultradereita e o compromiso para seguir traballando na defensa dos intereses de Galiza e da mocidade galega. Esta cerimonia, conducida polo anterior Secretario Xeral e deputado Paulo Ríos e a militante Marina Coego, concluíu coas intervencións da Portavoz Nacional do BNG, Ana Pontón, e da reelixida Secretaria Xeral, Marta Gómez.

Pola súa banda Pontón sinalou a importancia que ten para o BNG contar cunha organización xuvenil forte como é Galiza Nova “é imprescindible para o Bloque contar coa vosa forza, co voso traballo e co voso compromiso, sodes imprescindibles para este país” sinalou.

Na súa intervención, Marta Gómez sinalou estar “tremendamente orgullosa e agradecida á organización por volver a confiar en min para seguir encabezando este proxecto, a mocidade galega somos o presente e o futuro deste país e xornadas como a de hoxe demostran o potencial que temos e que imos a por todas”.

Galiza Nova é a organización de todas aquelas mozas e mozos que non se conforman coas migallas deste sistema, somos alegría, combatividade e emoción e imos a por todas, porque temos todo por gañar” engadiu Gómez.

Durante o acto estiveron tamén presentes membros doutras organizacións do país, delegacións de organizacións internacionais e outros membros da executiva nacional do BNG, así como algúns dos anteriores secretarios xerais da organización xuvenil.

Galiza Nova abre agora o proceso de renovación das responsabilidades internas, que concluirá a comezos do ano que vén, mais afirman que comezarán a traballar dende xa nunha campaña para mostrarlle á mocidade galega a Galiza que vén e que “non vai deixar a ninguén indiferente”.