

Quen reparte os carnés de nacionalista galego?
A aldraxe premeditada do Bloque Nacionalista Galego, dende as máis altas instancias, contra o poeta e editor Miguel Anxo Fernán-Vello, negando a súa indiscutíbel condición de primeiro deputado nacionalista pola Provincia de Lugo, para alén dun fanatismo sectario e dun desquite “contra o infiel”, agocha un desprezo cara a intelectualidade “herexe” e unha ideoloxía esencialista e identitaria moi afastada da esquerda e do internacionalismo. Pero ben, el saberán o que é isto último esta xentiña para alén de facer coalicións electorais con forzas vascas e catalás que logo desprezan Galiza na súa propaganda?
Enfín. A lideresa A. Pontón, amiga fotoxénica de Carlos Mouriño de Mos e de Santi Rey de Sabón, debeu pedir desculpas ao bardo lugués. Pero se non tivo tal humildade hai sete anos cando sacaba corenta mil votos e publicaba vídeos –literalmente– chorando porque “a súa Galiza non a entendía”, como a ía ter agora que está caneca de éxito coma “parva útil” que é dos poderes fácticos (prensa rexional, banca escuálida…) da CAG? E penso ademais, serían quen, dende a Avenida de Lugo, de lle negar a condición de nacionalistas a Castelao e Suárez Picallo por teren sido electos en 1936 nunhas listas do PG integradas na Fronte Popular?
Antes quedar ben coa parroquia propia que o beneficio común?
Malia o triunfalismo, o Bloque esfucioñou de novo no seu obxectivo peneuvista de ser “decisivo en Madrid” e formar un grupo “propio”. Acadar un escano en Lugo ou Ourense –dende a esquerda e o soberanismo– só o conseguiu en 2015 unha candidatura de unidade popular na que participaban, entre outros espazos e individualidades, a esquerda independentista e a federalista. Foi un fito histórico que non se pode repetir dende a frivolidade e a soberbia demostrada polo pontonismo. Fíxose dende a unidade mestiza e xenerosa que dita organización reformista ignora. Pensa o nacional-autonomismo sacar eses escanos ao Congreso español algún día nas circunscricións do interior contando só coas “súas forzas”?
Por outro lado, as enquisas cara as autonómicas siguen dando unha maioría ao PPdeG. Nas recentes Xerais, o partido das elites urbanas e caciquís gaña en escanos na Comunidade Autónoma Galega (CAG) 13-10 ao bloque progresista (BNG-PSOE-Sumar). Pero en votos son os progresistas os que teñen máis escrutinios. Serán quen PSdeG, Bloque e Sumar de facer valer a súa carcaleada maioría social e electoral –aparcando os sectarismos– para presentar unha candidatura única das tres forzas, ou permitirán unha vitoria ultraxante de Rueda “de Reposto”? E se Feijóo é defenestrado de España, que será de Alfonso? Será submiso ao seu antigo Amo ou será quen de fagocitalo?
Son a versión galega dos Almunia-Borrell do 2000?
No PSdeG, sucursal do PSOE, gañou o liderado Formoso, pero o rehabilitado Besteiro ten cada vez máis protagonismo. Parece que os socioliberais españois de Galiza optan por unha fórmula de bicefalia que non deixa claro aínda quen será o candidato da banda cara as vindeiras eleccións autonómicas. As brigas norte-sur e occidente-oriente son difíciles de equilibrar nun partido tan inestábel coma indestrutíbel. Quen será logo o candidato, Valentín ou José Ramón? Que dirán os Caballeros? Que lle parece todo isto a La Voz de Galicia?
Francia pode, pero Rusia non?
Imos cara fóra. Níxer, África Occidental. Un golpe de estado militar apoiado por unha grande parte do pobo destitúe un goberno monicreque que actuaba coma delegado da aínda potencia colonial francesa. Así é, a chamada “descolonización” de hai seis décadas e que estudabamos en COU foi un conto meramente formal e nada real. Aí quedaron franceses, belgas, británicos… roubando as materias primas do continente e pechando as portas á conseguinte inmigración. E digo eu, se Francia invade Níxer e intervén militarmente a zona, recibirá por parte da autoproclamada “comunidade internacional” (que, por certo, son só 30 e pico estados dos aproximadamente 200 que teñen asento na ONU) as mesmas sancións cá Federación Rusa por intervir na Ucraína nazi? Os medios fomentarán francofobia?
E falando da “comunidade internacional”, que pasa coa pasada moda?
Coa fracasada a “contraofensiva” do nazismo ucraíno, e despois dos esperpentos protagonizados por ucraínos e rusos cos seus exércitos privados, e de que se descubrira que toda a “axuda” enviada acaba enriquecendo aos xerifaltes do réxiem ucronazi, e de que a armamento pagado polos nosos impostos é inmediantamente destruído polas forzas da Federación; os medios occidentais informan cada vez menos do conflito. A foto, nun cumio, do bufón Zelenski ignorado polos mandatarios do “do mundo libre” foi moi esclarecedora. Obviamente non se fala tampouco dos pógromos permitidos polo réxime de Kiev contra a poboación rusófona nin da destrución vingativa e covarde dos símbolos antifascistas. A pregunta é, canto tardará o histrión-fascista Volodímir en ter o mesmo destino ca outro fantoche-clínex coma Guaidó?
Unha última (que non derradeira)
Quen levou até o de agora máis vidas humanas por diante, Hitler, Leopoldo de Bélxica, Kusno Sukarno ou… a OTAN? Pódese calcular xa?