Vitor Mariño secretario da sección sindical da CUT en Citroën

Vitor Mariño secretario da sección sindical da CUT en Citroën

A piques de celebraren unhas moi importantes eleccións sindicais na principal empresa do país, nós conversamos con Vitor Mariño o cabeza visible da sección sindical da CUT, o sindicato cun maior número de apoios na factoría viguesa despois de aquel que historicamente se caracterizou por defender as posicións da propia empresa. Velaí vai o que deu de si a nosa conversa

Agardo que nas vindeiras eleccións sindicais na nosa empresa a xente perda o medo e poida votar con liberdade”

Estamos ás portas dunhas novas eleccións sindicais na túa empresa ?

Pois si. Son en outubro, o día 10 na quenda de noite e o día 11 nas quendas de mañá e tarde.

A CUT é un sindicato que entrou en Citroën no ano 2014 cun delegado e dous membros do comité de empresa e no ano 2018 pegastes o gran salto. Cantos delegados obtivestes?

Obtivemos catro membros do comité de empresa superando o 10% e catro delegados sindicais, a maiores, unha persoa que nos pertence na comisión de medios xerais por superar ese 10%. Somos o primeiro sindicato de clase no taller e no persoal de especialistas e non cualificados.

Cantos votos reais tivestes?

610.

E no 2014?

Algo mais de 300 votos, non lembro exactamente.

Un salto de case o cento por cento é impresionante. Cales son os motivos que o explican?

En Citroën hai unha práctica de sindicalismo moi conservador desde hai moitos anos. Por outra parte, as medidas de recortes sociais e económicos que implantou a empresa fixeron que moitos compañeiros e compañeiras buscasen un sindicalismo que fose capaz de facer fronte con claridade, sen matices, ás inxustizas e abusos que puidesen existir. Creo que foron eses os dous factores máis influentes para explicar estes resultados. Nós ao mes de entrar no comité, como sindicato, convocamos unha folga que xerou moito nerviosismo a empresa e resto dos sindicatos.

A esta folga uníronselle as outras centrais sindicais?

Convocámola en solitario e foi votada, a convocatoria,en contra polo resto de centrais sindicais que estaban no comité de empresa naquel momento. O sindicato da empresa, UXT, CCOO e CIG.

Isto creou moita tensión dentro da planta, a empresa nunca expuxera unha redución de salarios tan virulenta. Tamén era a primeira vez que se convocaba unha folga por un motivo laboral da planta nos últimos 30 anos. Esta folga non se chegou a celebrar, pero creo que os demais sindicatos tomaron nota polo erro que cometeran de non apoiala.

Como sindicato tamén empezamos a falar fóra da empresa dos problemas, creando debate social fóra da planta e mesmo convocando roldas de prensa ás que acudían medios periodísticos de todo o panorama nacional.

Como levas iso de ser unha estrela nos medios? Onte escoiteiche falar na radio.

Non son unha estrela. Teño un convencemento, represento unha sección sindical e eu son a cabeza visible, pero calquera dos meus compañeiros poderíao facer igual ou mellor ca min e temos unha masa de afiliación moi combativa.

Esta práctica sindical combativa de levar os problemas fóra e ter un sindicalismo activo é o que, ao teu xuízo, fai que se duplique a afiliación e os votos desde o ano 2014 ao 2018?

Todo inflúe, as persoas traballadoras se identifican co sindicalismo de denuncia que practicamos, independentemente de que logo nos apoien ou non nas concentracións e eleccións. Hai moita xente que segue con medo a formar parte dun sindicato de clase combativo como o noso, polos mecanismos creados pola empresa presuntamente para controlar aos traballadores.

Por exemplo?

Coma exemplo, cando quedas indefinido de 4h, para poder ter un contrato de 8h dependes en gran medida da empresa para mellorar as túas condicións.

O criterio que determina as condicións que se ofrecen nos contratos é o tipo de relación que teña o traballador coa empresa?.

Son varios os factores que inflúen, pero para nós ese é determinante.

Cales son os problemas máis importantes aos que se enfronta a un traballador ou unha traballadora dentro de Citroën?

-As cargas de traballo, este é o punto máis importante. Subiuse a actividade máis do cento por cento. Citroën tiña un persoal de 12.000 traballadores, agora mesmo ten 6.000 e sacamos a mesma produción, ou máis, que sacabamos antes con 12.000 empregados. Isto xera moitas baixas músculo-esqueléticas, a maioría non se están recoñecendo como enfermidades profesionais. E hai moitas baixas psicolóxicas tamén debidas ao alto ritmo de traballo

– Os recortes sociais destes últimos anos. Xa non somos a empresa referente a nivel económico na Comarca. Podes levar 26 anos na fábrica e non chegar a cobrar os 1.400€ netos ao mes, e os novos contratos, ao ser de catro horas, non chegan nin a cobrar o salario mínimo interprofesional.

-Un alto índice de eventualidade.

Esta política de deterioración sistemática das condicións laborais e económicas é percibida de igual maneira polo resto das seccións sindicais?

Creo que no fondo coincidimos. Outra cousa diferente, logo, é a práctica. Para nós son sindicatos que están hipotecados ao tempo que se conveten en empresas de traballo temporal.

Explícate?

Os outros sindicatos dende o noso punto de vista gozan de favores de todo tipo, que non temos nós, incluso en materia de contratación, favores que o final son hipotecas sindicais que a CUT fuxe delas para ter liberdade no sindicalismo que practicamos.

Fálame do tema das paradas polo asunto dos microchips, isto que obedece?

Ao concepto “just in time” que lle veu fenomenal á empresa para aumentar a súa marxe de beneficios. Eliminaron os almacéns intermedios de materias e compoñentes, para reducir custos. Estes almacéns podían resolver estas faltas de materiais e conflitos laborais. Coa súa eliminación, o que provocaron é que nos penalice a nós calquera incidencia. Por este motivo, a empresa, na última década leva solicitado ERTES de continuo. Independentemente da falta de semiconductores ou da pandemia

Por parte da dirección da empresa poderíase facer algo para prever este tipo de situacións?

Para nós utilízano cono escusa para parar a planta. Pero a realidade é moito máis complexa. Hai outros factores engadidos como por exemplo o encarecemento das materias primas e decisión políticas , económicas e empresariais.

E en que afecta os traballadores e traballadoras estas paradas recorrentes?

No taller, onde máis do 50% ten un contrato a tempo parcial, se non traballan, non cobran, a pesares dunha garantía salarial acordado no derradeiro ERTE, que non é mais que un crédito que terán que devolver.

Nos traballadores de 8 horas vanse estas paradas á bolsa de horas. Aquí quédanche horas en negativo que logo as tes que recuperar cando a empresa queira. Un traballador como eu, que estou en negativo en menos 30 días dende fai tempo, levo consumidos da prestación de desemprego case 3 meses. A empresa propón ERTES malia que Citroën é un grupo con millóns de beneficios. O ano pasado aumentounos en 13.400m€ os beneficios, e este ano leva un +37% de incremento con respecto ao ano anterior no mesmo período.

Á empresa resúltalle moi fácil e rendible utilizar o diñeiro público. Por unha banda, solicita axudas públicas para a fabricación de vehículos e, por outro, descarga toda a súa responsabilidade social sobre as prestacións de desemprego.

Cales son as expectativas realistas que tes para as eleccións de outubro?

Van ser unhas eleccións complicadas. Hai un sorprendente acordo asinado entre a empresa e sindicatos que define como van ser os criterios de votación e de formación da Mesa. Un proceso que lle corresponde aos traballadores está a asumilo a empresa ca complicidade da maioría dos sindicatos.

Que sindicatos asinaron este acordo?

SIT, UXT e CCOO. A CIG abstívose e a CUT votou en contra e denunciou o proceso na Xunta. En calquera caso o que percibimos nós é que o apoio á CUT vai crecendo e temos confianza en que se reflicta nas urnas, e agardamos que a xente perda o medo e vote con liberdade.

A última vez que falei co secretario xeral da CUT, Ricardo Castro, dicíame que o seu obxectivo fundamental é que o sindicato de empresa perdesen a maioría absoluta. Ves isto verosímil?

O mellor sería unha candidatura de unidade para presentarnos en contra do sindicato amarelo. Leva máis de 40 anos con maiorías absolutas e non porque o fagan ben, senón porque chegan dopados as eleccións para que isto sega a ser así, pero non son os únicos que chegan dopados.

Presentades lista polos técnicos.?

Estamos procurando ter unha, pero de momento non é posible, iso axudaría a que recortarlle distancias ao sindicato SIT.

Que sindicatos presentan lista nos técnicos?

Nos últimos anos SIT e UXT.

Un traballador ou traballadora de Citroën, Vítor, pode votar con plena liberdade?

Entendemos que non, e menos si é eventual.

Por que?

Ao crear mesas auxiliares hai como unha norma non escrita “onde se lles recomenda que collan a papeleta fóra da cabina”, para nós con clara intención de poder controlar o voto, pero iso afecta tanto a eventuais coma indefinidos.

Hai posibilidades de recuperar a unidade do sindicalismo nacionalista en Citroën?

Nós barallamos unha hipótese dunha candidatura de unidade coa CIG, salvando as diferenzas que actualmente existen entre as dúas organizacións co sindicalismo que practicamos, pero sería co animo de avantar e sacarlle a maioría sindical ao amarelo.

Podería ser unha posibilidade para estas eleccións?

Véxoo complicado a curto prazo, e menos despois de absterse na votación do acordo nestas eleccións, pero pode ser unha posibilidade de futuro.